Os avogados dos condenados polo asasinato de Samuel critican a argumentación da sentenza
Os avogados dos condenados polo asasinato de Samuel critican a argumentación da sentenza
As partes teñen dez días para presentar un recurso de apelación perante o TSXG
"Temos unha sentenza equivocada porque os feitos non aconteceron como se plasma na sentenza nin no veredicto do xurado", argumenta José Ramón Sierra, o avogado de Kaio Amaral.
"Sabiamos xa a que atermos polo veredicto do xurado, pero chamounos a atención a gradación que se estableceu das penas", expón David Freire, o avogado de Alejandro Freire.
Na sentenza, a maxistrada, Elena Pastor, carga contra a estratexia das defensas e deixa constancia de que todos os golpes foron necesarios á hora de causarlle a morte a Samuel Luiz.
As defensas teñen un prazo de dez días para presentar os seus recursos de apelación no TSXG.
"Non estamos de acordo coa fundamentación da sentenza e apelaremos nese sentido. Xa tiñamos unha idea unha vez coñecido o veredicto do xurado popular, pero agora apelaremos tamén pola novidade que é a gradación das penas que se impoñen", engade David Freire.
"Por unha infracción de lei ou por algún erro na elaboración da proba. Aspectos que entendemos que se dan aquí xunto con contradicións na motivación do razoamento do xurado", di José Ramón Sierra.
A defensa de Diego Montaña polo momento non se pronunciou, malia que manifestou que estudará a sentenza con calma para presentar un recurso. E o avogado de Alejandro Míguez tamén apelará e insiste na inocencia do seu defendido.