Aumenta a preocupación na Pobra do Caramiñal polos roubos en coches
Aumenta a preocupación na Pobra do Caramiñal polos roubos en coches
Calculan que romperon as ventás dunha ducia de coches nunha noite
O único detido en relación cos roubos quedou en liberdade
Repítese a historia: outra noite de cristais rotos en coches na Pobra do Caramiñal, e van unhas cantas. Desta volta fálase dunha ducia de coches.
"Vin para coller o coche coma sempre e atopei o cristal de atrás roto. Leváronme a chave e estaba todo remexido. Fixeron un cristo no coche", explica Plácido, un dos afectados.
"Leváronlle unha cazadora e unhas lentes de sol. Estivo meu irmán tapándolle a ventá cun papel film e unhas cintas porque tiña que marchar para Coruña a traballar", conta o coñecido doutra vítima.
Actúa ou actúan case sempre de noite, en rúas máis céntricas e noutras máis apartadas, pero co mesmo modus operandi. Moito estrago para pouco botín.
"Usaron unha panca e panquearon o cristal", engade Plácido.
"Pinzaron cun desaparfusador segundo a Garda Civil e na outra venta tamén se ve que está pinzado. O cristal estaba todo roto, estaba chovendo, co temporal que facía, fun a un taller e puxéronme un cristal de plástico provisional", sinala Alicia, tamén prexudicada.
A veciñanza está preocupada e tamén farta porque leva meses así, e que che toque ou non é cuestión de sorte.
"De milagre. Tiña o coche aparcado e xusto o coche de atrás tiña a ventá rota e tapada cun plástico".
"Debería haber un posto da Garda Civil, que houbera máis vixilancia porque eu teño medo. A min é a primeira vez pero hai moita xente a quen lles pasou".
"Coméntase que son sempre os mesmos..., os que andan por aí, que non teñen onde estar..., se van á seca a coller ameixa e os botan fóra, pois cada un busca a vida como pode".
A xente coñécese e fálase e coméntase, pero todo queda en ruxerruxe porque, de momento, o único detido en relación con outros asaltos en coches quedou en liberdade.