A Garda Civil investiga máis de 10 roubos en comercios e vivendas de Curtis
A Garda Civil investiga máis de 10 roubos en comercios e vivendas de Curtis
O último foi este sábado e os cacos accederon nunha vivenda estando o dono dentro
Preocupación en Curtis por unha vaga de roubos en comercios e vivendas do concello coruñés. O último foi nunha vivenda. Os ladróns roubaron uns reloxos mentres o dono, un home dependente de 89 anos, estaba dentro da casa.
Unha vivenda do centro de Curtis foi o último obxectivo dos ladróns. Parece que varios individuos accederon á casa, pola parte de atrás, na noitiña do sábado, estando o dono dentro. Foi unha veciña, na súa visita diaria, a que se decatou do roubo. Cre a veciña que os ladróns estaban dentro cando ela chegou e que, ao escoitar o ruído das chaves marcharon. Ao entrar vira todo revolto. "Deberon entrar pola parte de atrás. Abriron unha ventá e entraron por arriba dunha porta" explica a veciña.
Os ladróns levaron uns reloxos e outros obxectos da planta baixa de pouco valor económico. Pouco botín que os cacos tamén subtraeron nos outros 10 roubos máis perpetuados en varios establecementos comerciais e vivendas da zona. Di Manuel Otero, dono dun local comercial e vítima dun dos roubos, que o chamaran ás sete da mañá para avisalo. "Xa me pareceu que foi un coche o que se esnafrara aí e estaba todo tirado. Botamos en falta algunhas caixas de botas, nada de valor comparado cos danos", explica.
Foi na madrugada de Aninovo e os ladróns empregaron un coche roubado para acceder á tenda. Ningún veciño nin escoitou nin viu nada. Ao parecer os cacos botaron pouco tempo e nin se achegaron á caixa rexistradora. Pero este non foi o único roubo. Nun coñecido restaurante, por exemplo, días antes subtraéronlle unhas caixas de refrescos.
A Garda Civil de Curtis está a investigar todos os casos e non desbota que sexan os mesmos os autores de todos os furtos. Aínda así a veciñanza di estar preocupada. De aí que o Concello de Curtis convocara para hoxe unha comisión de coordinación de seguridade para tratar esta vaga de roubos. Amais o Concello pide reforzar os efectivos e vixilancia nocturna da Garda Civil como medida disuasoria.