Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía decide non recorrer a sentenza do caso Samuel Luiz

A Fiscalía decide non recorrer a sentenza do caso Samuel Luiz

A resolución condena a penas de entre 20 e 24 anos de prisión os tres adultos responsables do asasinato

Tres culpables do asasinato de Samuel Luiz, un cómplice e unha exculpada

Os catro acusados considerados culpables durante a lectura do veredicto. (EFE/Cabalar) Os catro acusados considerados culpables durante a lectura do veredicto. (EFE/Cabalar)
G24.gal 23/01/2025 11:17

A Fiscalía non recorrerá a sentenza do caso Samuel Luiz, que condena a penas de entre 20 e 24 anos de prisión os tres adultos responsables do asasinato do español de orixe brasileira, ocorrido na Coruña en xullo de 2021, á vez que se condenou a 10 anos de prisión ao seu cómplice, mentres que a única muller implicada foi absolta.

O Ministerio público considera que "a sentenza concorda coa acusación formulada, excepto na absolución da muller inicialmente acusada" pero, respecto a isto último, sinala que "non cabe recorrer a absolución, pedindo a nulidade e repetición do xuízo, xa que a decisión do xurado está motivada e correctamente fundamentada".

Sobre as penas, lixeiramente inferiores á petición da Fiscalía, "non cabe un recurso contra a imposición das mesmas xa que a maxistrada modulounas de forma equilibrada e correcta".

Samuel Luiz foi brutalmente agredido na madrugada do 3 de xullo de 2021, fronte á praia de Riazor, nun crime que xa conta con resolución xudicial para as sete persoas implicadas, con seis condenados, dous menores que estiveron noutro proceso, e unha muller absolta.

A sentenza impón a pena máis alta, 24 anos de cárcere, ao principal acusado, Montaña, quen agrediu a Samuel Luiz mentres o insultaba con berros de "maricón". Os outros dous adultos condenados son Alejandro Freire ‘Yumba’ e Kaio Amaral Silva, que recibirán penas de 20 anos e 20 anos e 6 meses de prisión, respectivamente, pola súa participación no crime e o roubo do móbil da vítima. Ademais, Alejandro Míguez, como cómplice, foi sentenciado a 10 anos de prisión.

Así mesmo, os catro condenados deberán indemnizar con 304.000 euros a familia de Samuel Luiz e, tras cumprir as súas penas, estarán suxeitos a 5 anos de liberdade vixiada.

Pola súa banda, as defensas dos condenados, aínda que non foi posible contactar coa de Diego Montaña, confirmaron que interporán o recurso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade