Detido o xefe de branqueo da Policía Nacional en Madrid con 20 millóns emparedados
Detido o xefe de branqueo da Policía Nacional en Madrid con 20 millóns emparedados
O arrestado e os outros 14 detidos no operativo xa están en prisión preventiva
A detención é a segunda fase da operación en Alxeciras que supuxo a incautación do maior alixo de cocaína da historia en España
Axentes da Unidade de Asuntos Internos da Policía Nacional arrestaron o inspector xefe que dirixe o Grupo de Branqueo de Capitais da Xefatura Superior en Madrid por, supostamente, estar implicado en negocios vinculados co narcotráfico. Ao cargo actual, o detido chegou desde a Udyco, unidade na que, segundo sospeitan os investigadores, puido establecer os lazos cos narcos. A gran cantidade de diñeiro que almacenaba tamén lles fai pensar que os narcos o utilizaban para branquear os beneficios da droga.
Cartos emparedados
Nos rexistros practicados por Asuntos Internos atopáronse 20 millóns de euros emparedados na súa casa da localidade madrileña de Alcalá de Henares e case outro millón escondido no seu despacho da Xefatura Superior de Policía de Madrid.
Xunto a el, foi detida a súa muller, tamén axente adscrita á Policía Xudicial en Alcalá de Henares, e outras trece persoas, todas dedicadas ao narcotráfico ou lavado de cartos, ainda que non serían os únicos implicados nesta rede.
Aos detidos impútanselles provisionalmente delitos de tráfico de drogas, suborno, branqueo, pertenza a organización criminal e omisión do deber de perseguir delitos á espera do desenvolvemento da investigación. Os quince están xa en prisión por orde do Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional.
Maior alixo de cocaína da historia de España
A detención do inspector xefe enmárcase na segunda fase da operación desenvolvida recentemente no porto de Alxeciras na que se interveu un colector procedente do Ecuador cargado con 13.062 quilos de cocaína, o maior alixo incautado en España.
O operativo é froito dunha investigación de catro anos de Unidade contra a Droga e Crime Organizado (Udyco central). Comezou a partir dunha empresa importadora de plátanos radicada en Alacante, da que sospeitaron desde que comezou a traballar cun só provedor: unha empresa ecuatoriana coñecida polos seus vínculos co narcotráfico.