Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sete detidos por introducir vehículos do Reino Unido sen autorización nun despezamento de Vilagarcía

Sete detidos por introducir vehículos do Reino Unido sen autorización nun despezamento de Vilagarcía

O taller recibiu máis de 5.000 vehículos sen facer a descontaminación esixida dos residuos perigosos

Ademais dos detidos, hai 5 investigados por delitos contra o medio ambiente, falsidade dos certificados, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal

Atopáronse nunha nave agrícola 4.000 pneumáticos, supostamente do taller investigado

Imaxe facilitada polo Ministerio do Interior Imaxe facilitada polo Ministerio do Interior
G24.gal 01/07/2024 17:36

A Garda Civil, en colaboración coa Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), detivo sete persoas e investiga outras cinco entre Pontevedra e León por estar relacionadas coa xestión e manexo de residuos dun taller de despezamento de Vilagarcía de Arousa que introducía vehículos do Reino Unido sen autorización.

A operación Dashboard iniciouse cando o Instituto Armado detectou a chegada de vehículos procedentes do Reino Unido ao porto de Santander con destino ao despezamento situado no concello pontevedrés.

A fase de explotación da operación, desenvolta a semana pasada nas provincias de Pontevedra e León, rematou con sete detidos e cinco investigados aos que se lles imputan presuntos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, falsidade dos certificados de destrución e descontaminación de vehículos, branqueo de capitais, contra a facenda pública e pertenza a grupo criminal.

Os vehículos destinados a despezamento procedentes do Reino Unido deben contar coas comunicacións e os permisos pertinentes das autoridades ambientais de España para poder levar a cabo os traslados transfronteirizos de residuos.

A investigación foi dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Vilagarcía de Arousa, e impulsada pola Fiscalía de Medio Ambiente de Pontevedra. Durante a explotación da operación contouse co apoio de efectivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra e León.

Residuos perigosos

Tras as pescudas púidose comprobar que, en cinco anos, o despezamento recibira máis de 5.000 vehículos, tanto de procedencia estranxeira como nacional, aos que se realizou unha mínima recuperación dos fluídos dos aires acondicionados, feito que constitúe un delito ao tratarse de residuos perigosos que deben ser obrigatoriamente recuperados e entregados a un xestor autorizado.

O Seprona puido comprobar no propio despezamento a existencia de vehículos co certificado de destrución e descontaminación, que non foran descontaminados na súa totalidade e permanecendo con diferentes residuos como aceites, líquidos de freos, fluídos de aire acondicionado.

Estes fluídos (tetrafluoroetanos) ao contacto co aire volatilízanse cunha capacidade de permanencia na atmosfera de 14 anos, o que unido ás súas características fai que este tipo de gas forme parte dos que xeran a problemática do quecemento global.

Practicáronse seis rexistros en domicilios, despezamento e nave, onde se atopou numerosa documentación relacionada coa operación, a cal está a ser analizada.

Nave agrícola con máis de 4.000 pneumáticos usados

Parte dos compoñentes dos vehículos xestionados polo despezamento eran tramitados mediante venda en liña. Algúns atopáronse nunha nave agrícola na que se localizaron máis de 4.000 pneumáticos usados, cuxa orixe suponse que era do taller investigado.

O propietario da nave non contaba con autorización para o almacenamento e venda dos pneumáticos, o que unido a que a propiedade se atopa nunha contorna forestal, considérase un risco como consecuencia do elevado volume de pneumáticos almacenados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade