Publicador de contidos
Publicador de contidos

Donald Trump elixe o dono dunha petroleira como secretario de Enerxía

Donald Trump elixe o dono dunha petroleira como secretario de Enerxía

Chris Wright, doante republicano, defende os combustibles fósiles e critica a transición cara ás enerxías limpas

Chris Wrigh nunha imaxe de arquivo. REUTERS Chris Wrigh nunha imaxe de arquivo. REUTERS
G24.gal 17/11/2024 08:32 Última actualización 17/11/2024 11:47

O futuro presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou o nomeamento do petroleiro e megadoante republicano Chris Wright como secretario de Enerxía.

Nun comunicado, indicou que coa elección do xefe do grupo de servizos petrolíferos Liberty Energy busca mellorar os investimentos do sector privado e o "dominio enerxético" dos EUA.

"Para reducir a inflación, gañar a carreira armamentística da intelixencia artificial coa China e expandir o poder diplomático (do país)".

Wright, que dubida da existencia da crise climática, tamén será parte dun novo "Consello Nacional de Enerxía", sinalou Trump, integrado por todas as axencias do Goberno involucradas na "produción, xeración, distribución, regulación, transporte e permisos" enerxéticos.

Para ser confirmado no posto, o petroleiro deberá con todo obter a maioría simple dos votos do Senado, onde o partido republicano controla 53 dos 100 escanos.

Defensor dos combustibles fósiles

O petroleiro defendeu en entrevista con medios estadounidenses os combustibles fósiles, indicando que son "necesarios" para a sociedade e criticando a transición cara ás enerxías limpas.

Desde que se confirmou a súa vitoria nas eleccións do 5 de novembro, Trump foi moldeando a súa visión do país con polémicas eleccións no seu gabinete.

Ata o momento, nomeou unha vintena de persoas que comparten un perfil común: lealdade absoluta á súa visión, unha boa presenza en televisión e un firme apoio ás súas medidas como as deportacións masivas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade