Rusia lanza un ataque masivo contra Ucraína con 120 mísiles e 90 drons
Rusia lanza un ataque masivo contra Ucraína con 120 mísiles e 90 drons
Unha ofensiva durante a madrugada dirixida contra a infrestrutura enerxética e militar do país invadido
Rusia confirmou este domingo un ataque aéreo masivo contra instalacións da infraestrutura militar e enerxética de toda Ucraína, denunciado horas antes por Kíiv.
Asegura o ministerio de Defensa ruso que golpearon aeródromos militares, así como instalacións de produción de gas e enerxía utilizadas para o funcionamento das empresas do complexo militar-industrial de Ucraína.
As forzas rusas atacaron un almacén de vehículos aéreos non tripulados, así como concentracións de tropas ucraínas en 144 puntos do país inimigo.
O presidente ucraíno, Volodímiz Zelenski, afirmou previamente que Rusia realizou onte á noite e durante esta mañá un ataque masivo contra a infraestrutura enerxética de Ucraína co lanzamento de 120 mísiles e 90 drons.
"Un ataque masivo combinado en todas as rexións de Ucraína. Durante a noite e a mañá, os terroristas rusos utilizaron drons de varios tipos, en particular shaheds. Mísiles de cruceiro, balísticos e aéreos: Zircon, Iskander, Kinzhal.
En total, uns 120 mísiles e 90 drons. As nosas forzas de defensa antiaérea destruíron máis de 140 obxectivos aéreos", precisou nunha mensaxe en Telegram.
En Mikolaiv, no sur do país o ataque causou dous mortos e seis feridos, entre eles dous nenos, destacou Zelenski, e expresou as súas condolencias ás familias e amigos das vítimas. Segundo o gobernador militar da rexión, Vitali Kim, as bombas rusas danaron polo menos un rañaceos e un centro comercial.
As autoridades de Zaporiyia, Dnipró ou Krivoi Rog tamén confirmaron ataques rusos, aínda que de momento non deron cifras de vítimas. Na rexión de Kíiv tamén soaron as alarmas.