Formación a gandeiros e veterinarios para evitar que as doenzas das vacas cheguen aos humanos
Formación a gandeiros e veterinarios para evitar que as doenzas das vacas cheguen aos humanos
O uso incorrecto dos antibióticos é un dos principais problemas
As Agrupacións de Defensa Sanitaria xogan un papel clave
Evitar que as enfermidades do gando, especialmente o bovino, acaben por afectar as persoas. Ese é o obxectivo das charlas que organiza Agacal orientadas a gandeiros e veterinarios das asociacións de defensa sanitaria.
"O gandeiro que entra na ADS comprométese a cumprir cos protocolos sanitarios que fixa a Consellería", explica Santiago Martínez, responsable das ADSG.
E é que os tratamentos sanitarios e o manexo das vacas acaban afectando as persoas. Un exemplo son os antibióticos, que cada ano perden efectividade polo mal uso que deles se fai nalgunhas explotacións.
"Os humanos temos que facer un uso axeitado e reducido dos antibióticos tanto cos que consumimos como cos que damos ás vacas", dixo Verónica Gómez, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
Máis aló das enfermidades e tratamentos, o manexo dos animais e dos seus alimentos tamén inflúe na súa saúde e na dos humanos.
"Un animal ben coidado e atendido terá un mellor rendemento económico e un menor risco sanitario", sinala Carmen Calvo, tamén do CIAM.
As boas prácticas sanitarias fixeron que Galicia leve décadas combatendo enfermidades que veñen de fóra, no canto de ser emisora de doenzas.