Publicador de contidos
Publicador de contidos

As Caldas do Miño, en Lugo, permanecen pechadas por lexionela

As Caldas do Miño, en Lugo, permanecen pechadas por lexionela

As instalacións levan pechadas desde finais de setembro pola detección da bacteria e, pese a reducirse a súa concentración, non conseguiron pasar un segundo control

Nos últimos días realizouse un novo tratamento de desinfección, pero o peche continuará polo menos unha quincena máis, ata a próxima analítica

Imaxe de arquivo das Caldas do Miño, en Lugo Imaxe de arquivo das Caldas do Miño, en Lugo
G24.gal 07/11/2024 16:39 Última actualización 07/11/2024 17:22

As Caldas do Miño, as piscinas de auga quente habilitadas polo Concello de Lugo ás beiras do río, permanecen pechadas desde a segunda quincena do mes de setembro despois de que fose detectada a presenza da bacteria lexionela nos vestiarios, no transcurso dos controis rutineiros realizados pola área de Transición Ecolóxica.

Fontes do goberno local explicaron que as Caldas permanecerán pechadas ata a última quincena de novembro, como mínimo, á espera de que as analíticas confirmen a eliminación da bacteria, algo que non ocorreu ata este momento.

De feito, a área de Transición Ecolóxica realizou unha “desinfección integral e limpeza” de todas as instalacións, aínda que “os circuítos de auga non se viron afectados”.

Finalizados eses traballos, sobre o 25 de setembro, as instalacións permaneceron pechadas durante quince días, de acordo coa normativa sanitaria.

Pasado ese tempo, realizouse un novo control para certificar que as instalacións estaban libres da bacteria, pero esas analíticas o que confirmaron foi que seguía habendo lexionela nas Caldas, aínda que nunha concentración moito menor.

Por iso, nos últimos días, o Concello ordenou outro tratamento de desinfección, que xa foi realizado. Á espera de que pasen os quince días de rigor, as instalacións permanecerán pechadas.

Entón, realizarase unha nova analítica para determinar se, finalmente, as Caldas do Miño están libres de lexionela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade