Publicador de contidos
Publicador de contidos

A auga da traída de Outes volve ser apta para o consumo

A auga da traída de Outes volve ser apta para o consumo

Os resultados das últimas analíticas confirman que non ten bacterias coliformes, E. coli nin norovirus

O seu consumo levaba prohibido unha quincena debido á súa relación cun gromo de gastroenterite

Imaxe de recurso. Europa Press / María José López Imaxe de recurso. Europa Press / María José López
G24.gal 30/10/2024 18:26

A Consellería de Sanidade trasladou este mércores ao Concello de Outes que, en virtude das últimas analíticas realizadas, a auga deste municipio volve ser apta para o consumo humano.

En concreto, a Consellería de Sanidade comunicou os resultados microbiolóxicos e os físico-químicos das mostras dos dous abastecementos municipais do Concello de Outes, sendo en ambos os casos aptos para o consumo.

Nas últimas mostras recollidas non se atoparon nin bacterias coliformes, nin E. coli, nin tampouco norovirus.

Por iso, a Dirección Territorial da Consellería de Sanidade na Coruña notificou ao Concello os resultados destas probas, así como as melloras que deberá realizar para tratar de evitar que esta situación volva repetirse.

Sanidade e o Concello de Outes mantiveron "unha estreita colaboración" durante o tempo no que o consumo de auga estivo restrinxido, conseguindo "unha grande axilidade, tanto na toma das mostras, como na súa análise, ademais de trasladar consellos e recomendacións á poboación".

O Goberno local comprometeuse a presentar un plan de acción integral para mellorar as condicións da auga potable no concello.

O Concello de Outes decretou a mediados deste mes de outubro a prohibición do consumo de auga da traída pola súa relación cun gromo de gastroenterite que afectou a máis dun centenar de veciños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade