A auga da traída volve saír túrbida en Castro de Rei debido ás intensas chuvias
A auga da traída volve saír túrbida en Castro de Rei debido ás intensas chuvias
O Concello recomenda á poboación non consumir a auga da billa
As intensas chuvias volven orixinar problemas aos veciños de Castro de Rei. A traída municipal ten a captación nun manancial dunha zona inundable e cada vez que rebordan os ríos a auga chega ás billas completamente túrbida. O Concello emitiu este luns un bando urxente recomendando á poboación non consumir a auga da traída.
Cando chove como o está facendo, neste concello da Terra Chá a auga enchoupa prados e o Miño reborda, inundando as instalacións municipais de bombeo de auga. Os filtros non dan peneirado toda a terra que vén con el. "A captación está baixa e os filtros non dan feito. Toda a auga que baixa das leiras anegadas arrastra terra ao río que reborda sobre a fonte e despois os filtros non dan limpado. Por iso vén túrbida".
Así que cando as chuvias son persistentes os veciños xa saben que antes ou despois a billa comezará a botar auga túrbida. "Aquí estamos outra vez co problema da auga, pasa cada vez que hai asolagamentos".
Aínda que non se recomenda o consumo, este mércores xa sae máis clara das billas. "O luns era pura terra pero hoxe xa sae moito máis limpa".
De momento toca tirar de auga embotellada ou dos pozos particulares. O Concello leva anos buscando unha solución definitiva a esta problemática.