Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia contará en 2025 cunha lei contra a violencia dixital

Galicia contará en 2025 cunha lei contra a violencia dixital

Galicia será a primeira comunidade de España en contar con esta ferramenta para combater a violencia machista en Internet, segundo anunciou no Parlamento Alfonso Rueda

O secretario xeral do PSdeG pídelle ao presidente galego "determinación" para loitar contra a "emerxencia real" que supón a violencia machista

directo O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento de Galicia
G24.gal 19/11/2024 09:06

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este martes que Galicia contará en 2025 cunha lei para "loitar contra a violencia dixital", dado o impacto que as redes sociais están a ter na violencia machista.

Rueda fixo este anuncio en resposta ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que ás portas da conmemoración do 25-N, acusou os populares galegos de negar a violencia machista.

Besteiro lembrou que no que vai de ano catro mulleres foron asasinadas en Galicia, 7.438 foron vítimas de violencia machista e 78 nenos e nenas sufriron violencia vicaria.

Esta situación, segundo o socialista, vese agravada pola "falta de compromiso da Xunta coa igualdade", e que demostra con decisións "erradas", como a de desmontar unha Secretaría Xeral de Igualdade para separar a loita contra a violencia machista da promoción da igualdade, que agora son dúas direccións xerais independentes.

Besteiro puxo o foco no impacto "do negacionismo", con datos alarmantes como que o 23 % dos mozos novos e o 13 % das mozas consideran que a violencia de xénero é "un invento ideolóxico".

Tampouco contribúe a acabar coa violencia machista -asegura Besteiro- "o compadreo do seu partido coa ultradereita negacionista" porque, tal e como indicou, "o negacionismo mata, asasina mulleres".

O presidente galego negou estas acusacións, recoñeceu que tódalas medidas que se poñan en marcha serán insuficientes ata que o número de vítimas "sexa cero" e recalcou que a condena ás violencias machistas "non obedece a partidismos" e “non ten nin gaivotas, nin bandeiras estreladas, nin puños e rosas”.

Rueda repasou as medidas postas en marcha polo seu Goberno para combater a violencia machista e anunciou que No 2025 "seremos a primeira comunidade de España en ter unha lei contra a violencia dixital".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade