Os prexuízos causados por unha casa ruinosa en Santiago provocan as queixas veciñais
Os prexuízos causados por unha casa ruinosa en Santiago provocan as queixas veciñais
O inmoble está no barrio de Guadalupe, ocasiona problemas á familia da vivenda lindeira e supón un risco para viandantes
O Concello incoou o expediente o pasado 31 de outubro para declaralo en estado ruinoso
Diante da súa casa da rúa Guadalupe de Santiago, Emma relata os prexuízos que ten a familia na súa vida cotiá debido á casa ruinosa que teñen de medianeira e a cada paso máis degradada nos últimos quince anos. Pediron a acción do Goberno municipal.
"A solicitude de que se declare ruína e para que se faga algo, porque agora empezan a caer as tellas á beirarrúa e, claro, xa non é só que me afecta por humidades na miña casa, é un perigo para a xente que pasa andando", afirma Emma Colquhoun.
Quen ten que transitar por esa beirarrúa, como Blanca, coinciden en chamar a atención sobre o risco existente;
"Temos medo que se derrube e ocasione dano material, e non digamos un dano físico", di a veciña dun casa próxima.
A representante da veciñanza destaca que a primeira prexudicada é a familia que vive na casa lindeira, pero o mal destas casas abandonadas é colectivo:
"É moi mal efecto para o barrio. Outra é que aí metéronse ocupas no verán e logo, outra, que de vez en cando caen elementos da casa vella; pedras, algunha tella, cristal.... E entón habería que tomar medias sobre iso", afirma Isolina Barreiro Pérez, presidenta da asociación de veciños Barrio de Guadalupe.
Segundo informan desde o Goberno municipal de Santiago, técnicos de urbanismo inspeccionaron o inmoble en cuestión e, tras constatar a estado ruinoso, puxéronse en marcha os trámites necesarios para declaralo como tal. O expediente, incoado o pasado día 31, ten os seus prazos para resolver como establecen as normas de disciplina urbanística.