A Garda Civil investiga unha vaga de roubos no concello de Gondomar
A Garda Civil investiga unha vaga de roubos no concello de Gondomar
Os ladróns actuaron de madrugada en dúas empresas e nun campo de fútbol da localidade
No campo de fútbol das Gaiandas, os ladróns non levaron nada de valor pero causaron estragos nas instalacións
Romperon pechaduras e forzaron portas e ventás para entrar nas instalacións do campo de fútbol do Gondomar. Todo indica que buscaban cartos na caixa rexistradora da cantina e nas oficinas do club que deixaron completamente revoltas.
Á falta de cartos, os ladróns marcharon cun botín moi pouco valioso e que deixou sorprendidos os traballadores do club.
Terán que reparar os danos materiais nas instalacións, un custo que supón un esforzo adicional para o club.
Durante a mesma madrugada, os ladróns entraron nunha empresa próxima ao campo de fútbol. Trátase dunha antiga cestería, de onde tampouco conseguiron levar nada de valor.
O terceiro asalto tivo lugar noutra empresa de Gondomar, onde conseguiron roubar 500 litros de combustible. A Garda Civil investiga o suceso que se produciu 24 horas despois doutra vaga de roubos a pouco máis de vinte quilómetros na localidade portuguesa de Valença.