Poñer unha vivenda baleira en alugueiro suporá un aforro de 500 euros no IRPF
Poñer unha vivenda baleira en alugueiro suporá un aforro de 500 euros no IRPF
Alfonso Rueda asegura que esta medida permitirá poñer no mercado do alugueiro polo menos 1.000 vivendas no 2025
Poderán beneficiarse desta dedución as persoas que aluguen inmobles urbanos que leven baleiros como mínimo un ano
A partir do vindeiro ano os galegos que poñan unha vivenda en alugueiro aforrarán 500 euros no tramo autonómico do IRPF.
"En canto entren en vigor os orzamentos do ano que vén faremos deducións fiscais no imposto da renda na parte autonómica para que todas as persoas que teñan unha vivenda baleira e a queiran poñer en alugueiro teñan unha dedución no imposto do IRPF de 500 euros", anunciou o presidente da Xunta de Galicia no seu perfil da rede social X.
Desta dedución fiscal poderanse beneficiar as persoas que aluguen inmobles urbanos que leven baleiros como mínimo un ano.
Alfonso Rueda destaca que "se ademais hai que rehabilitar antes esa vivenda" tamén haberá unha dedución fiscal do 15 % dos gastos de acondicionamento.
O presidente da Xunta explica que esta medida permitirá poñer no mercado do alugueiro polo menos 1.000 vivendas o vindeiro ano.
Segundo sinala na mensaxe, o obxectivo do Goberno que preside é duplicar o parque público de vivendas e "pasar das 4.000 actuais a, como mínimo, 8.000" ao final da lexislatura.
"Sabemos que é unha preocupación, queremos que Galicia sexa o mellor lugar para vivir e cremos que esta é unha medida que pode axudar", afirma o mandatario galego.