Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Parlamento rexeita a devolución dos presupostos da Xunta para 2025 que pedía a oposición

O Parlamento rexeita a devolución dos presupostos da Xunta para 2025 que pedía a oposición

Tanto as emendas de totalidade presentadas polos grupos do PSdeG e do BNG como as particulares presentadas polo Bloque foron rexeitadas pola maioría absoluta do PPdeG co mesmo resultado de votos: 34 a favor, 38 en contra e unha abstención

A Xunta convocará este ano 593 prazas de acceso libre para a Administración xeral

 

TVG TVG
G24.gal 18/11/2024 08:42 Última actualización 18/11/2024 13:55

Os presupostos da Xunta para 2025 continúan o seu trámite parlamentario tras a votación das emendas de socialistas e nacionalistas no Pazo do Hórreo. Tanto as emendas de totalidade presentadas polos grupos do PSdeG e do BNG como as particulares presentadas polo Bloque foron rexeitadas pola maioría absoluta do PPdeG no pleno do Parlamento de Galicia co mesmo resultado de votos: 34 a favor, 38 en contra e unha abstención.

A Cámara galega acolleu na mañá deste luns o debate de totalidade do Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, que ascenden a 13.954 millóns de euros, e o Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, máis coñecido como a lei de acompañamento dos presupostos.

Tanto a líder do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediron a devolución dos orzamentos presentados pola Xunta porque non atenden ás necesidades do conxunto de cidadáns, senón que, coincidiron en argumentar, satisfán os intereses das empresas "amigas" do PP.

Na súa intervención, o conselleiro defendeu o proxecto de contas públicas para o próximo ano, cunha previsión "prudente" de crecemento do 2,1 %, unha taxa de paro prevista do 9,1 % e uns recursos de 13.954 millóns de euros de gasto non financeiro.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu o "modelo fiscal propio, responsable e competitivo" de Galicia, con rebaixas de impostos para rendas medias e baixas, para menores de 36 anos, para familias numerosas e colectivos vulnerables, principalmente, segundo a súa intervención.

Ademais, garantiu que estas rebaixas son compatibles con seguir "reforzando" os servizos públicos e rexeitou unha quitación da débeda como a que se prevé aplicar a Cataluña, porque "non sería beneficioso para Galicia", xa que non comportaría "nin un menor endebedamento nin unha maior capacidade de gasto".

Deste xeito, asegurou que "non hai ningún negocio" para Galicia nesta medida, xa que sairía perdendo, polo que cominou aos grupos da oposición para facer números antes de asinar acordos; tanto sobre as quitacións de débeda como sobre o financiamento singular previsto para Cataluña.

Entre outras prioridades, Corgos defendeu que a Xunta prevé medidas a favor da vivenda, con ata dúas deducións en IRPF para favorecer o alugueiro, entre outras previsións.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tachou de "loias propagandísticas" a intervención de Corgos, asegurou que as políticas do PP "contribúen a que haxa máis pobreza" e tamén afeou que nas contas da Xunta "non hai nada" para resolver os problemas estruturais de Galicia.

Na súa intervención, cargou contra a negativa da Xunta a aceptar unha quita de débeda: "Se vostede paga menos de débeda como non vai ter máis recursos. Por favor, se é Primeiro de Economía!". "Os seus orzamentos fomentan a especulación pola vivenda e anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan", concluíu Pontón, que esixiu a retirada das contas.

Consciente de que o PP non aceptará a devolución, dixo, o seu grupo propoñerá a reorientación de 1.937 millóns de euros para blindar os servizos públicos, para apoiar a ciencia e os sectores produtivos e para ter un modelo enerxético a favor do país.

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, censurou que as contas presentadas pola Xunta non inclúan medidas "novas nin transformadoras" e criticou a política fiscal do Goberno galego. "Para quen goberna o PP? Para os intereses privados", asegurou o deputado socialista, que condenou o estado de "emerxencia social" que viven os municipios galegos, "en risco de quebra pola falta de financiamento da Xunta".

Na súa intervención, Gómez Besteiro criticou tamén que o Executivo autonómico estea "desaparecido" dos investimentos e deixe "un de cada dous euros" sen executar en cada un dos seus departamentos.

O voceiro do PPdeG, Alberto Pazos, cominou a oposición a aceptar o resultado electoral: "Talvez chegou o tempo de asumir que os galegos non comparten o seu recorrente mantra de que viven nunha Galicia asolada polos recortes que só existen no seu imaxinario partidista". Pazos tachou de "enorme e impúdica mentira" as emendas de totalidade presentadas por PSdeG e BNG. 

A oposición denuncia a aprobación desta norma como un “atropelo antidemocrático”

Foi un debate cargado de tensións no que nacionalistas e socialistas criticaron ao PP no fondo e na forma porque “supoñen a eliminación do debate democrático” ao non aprobar nin unha das emendas parciais.

Os grupos da oposición reprocharon que este ano van “máis aló” porque o partido maioritario “deixa en auga de borraxes” a norma presentada pola Xunta dado que coas emendas populares “cambiaron moitas cousas e moi importantes”

A viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, criticou a fórmula empregada pola Xunta para modificar “normas de calado sen que nada teñan que ver cos orzamentos”, polo que a lei de medidas “é un escándalo de principio a fin, por moi legal que o considere o Tribunal Constitucional”.

Puxo o foco tamén nas 128 páxinas de emendas rexistradas polo grupo popular que van máis aló de modificacións puntuais, senón que son “leis feitas emendas” nas que se establecen cuestións diversas como o novo canon eólico, a taxa turística ou a tramitación de dependencia.

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Patricia Iglesias denunciou o “atropelo antidemocrático” que supón a aprobación desta norma que novamente modifica decenas de leis, algunhas mesmo aprobadas fai menos dun mes como é o caso da normativa referente a recursos naturais.

Lamentou que a pesar de contar o PP con 40 deputados, “abusan e desprezan o pluralismo político nesta Cámara” sen aceptar normalmente “nin unha emenda” das emendas parciais que propoñen os grupos da oposición e que buscan ser “útiles”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade