Publicador de contidos
Publicador de contidos

A taxa turística en Galicia será de 1 a 2,5 euros por un máximo de cinco días

A taxa turística en Galicia será de 1 a 2,5 euros por un máximo de cinco días

O PPdeG faculta, vía emenda, crear o imposto autonómico que os concellos poderán aplicar de xeito voluntario

Tamén se gravará o fondeo e amarre de embarcacións de cruceiro cando fagan escala nun porto da comunidade

O gravame estará habilitado para que poida ser aplicada a partir do 1 de xaneiro de 2025

G24.gal 16/11/2024 17:04 Última actualización 16/11/2024 18:04

As emendas do PPdeG que facultarán a creación en Galicia do imposto autonómico sobre as estancias turísticas fixan unha taxa de 1 a 2,5 euros por un máximo de cinco días (a partir do sexto non se cobraría) e inclúe exencións.

A medida é voluntaria e o único goberno local que, ata o momento, manifestou formalmente o seu desexo de aplicar o gravame foi o de Santiago de Compostela, que dirixe a nacionalista Goretti Sanmartín.

Un día antes de que pechase o prazo para presentar as emendas á lei de Orzamentos de 2025 e á de medidas fiscais e administrativas que a acompaña, representantes da Xunta reuníronse coa rexedora para ratificarlle como se ía formular legalmente.

O voceiro parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, ratificou este sábado nunha comparecencia de prensa que, segundo o comprometido polo Executivo e malia as dúbidas de Sanmartín, a taxa estará habilitada para que poida ser aplicada a partir do 1 de xaneiro de 2025.

Cinco días

O imposto será bastante similar á proposta que partiu de Raxoi, sendo o principal matiz que será de aplicación cinco días no canto de seis, como expuña o Goberno de Santiago.

No que respecta á cobranza, establécese unha pinza de entre 1 e 2,5 euros. Un euro pagaríase por persoa e noite en albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e vivendas turísticas.

Medio euro máis (1,5) aboarase no caso de aloxarse en pensións e hoteis de unha (tamén unha superior) e dúas estrelas, así como por estancias en portos deportivos e embarcacións de cruceiro.

Non en balde, a lei tamén gravará o fondeo ou amarre de embarcacións de cruceiro turístico cando realicen escala nun porto da comunidade.

Con todo, no apartado de exencións, puntualízase que non se aplicará cando as embarcacións teñan como saída ou destino final un porto galego.

Nos hoteis de dúas estrelas superior, tres e catro poderán cobrarse ata 2 euros, do mesmo xeito que nas vivendas de uso turístico, e quen permaneza nos de catro, cinco e cinco superior terían que abonar un máximo de 2,5 euros.

Exencións

A norma recolle unha serie de exencións ao pago da taxa. Por unha banda, as persoas que viaxen por motivos de saúde (afectadas e acompañantes) ligados a prestacións do sistema público de Galicia.

Tampouco se lle aplicará a deportistas federados por concorrencia a partidos de competición oficial, nin quen teña que permanecer nas zonas de aplicación do imposto por causas de forza maior xustificadas.

Exentos estarán tamén os menores de idade non emancipados e quen teña unha discapacidade mínima do 65 %, as estancias subvencionadas por programas sociais dunha administración pública de calquera Estado membro da UE, as realizadas en albergues públicos xestionados pola Xunta mediante o Plan Xacobeo e as de albergues xuvenís. Os casos de excepción do apgo deberán ser acreditados.

A alcaldesa de Santiago a pasada fin de semana. EFE/Lavandeira jr A alcaldesa de Santiago a pasada fin de semana. EFE/Lavandeira jr

A xestión recaerá nos municipios

Na reunión ratificouse, como xa se avanzou, que o imposto sobre estancias turísticas será voluntario e estará xestionado ao 100 % polos municipios que o decidan.

O texto certifica que o 80 % dos ingresos derivados da taxa terán que ir destinados ao fomento e desenvolvemento do turismo sostible: mellora de infraestruturas ou reforzo dos servizos ao visitante, entre outras cuestións.

Ordenanza fiscal

A norma permítelle aos concellos establecer unha recarga sobre o imposto, en aplicación da súa autonomía municipal. Para iso, deberán aprobar, con carácter previo, unha ordenanza fiscal onde se xustifiquen as razóns da existencia da recarga e se avalíen o impacto e a súa eficacia.

Ademais, debe prever a constitucións, organización e funcións dunha comisión municipal de asesoramento e seguimento da implantación da recarga conformada por representantes do concello, de empresas do sector e asociacións veciñais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade