A Audiencia Nacional xulga o avogado de Puigdemont xunto a Sito Miñanco por branqueo
A Audiencia Nacional xulga o avogado de Puigdemont xunto a Sito Miñanco por branqueo
A Fiscalía Antidroga pide para el 9 anos e medio por supostamente branquear beneficios de operacións de narcotráfico de Sito Miñanco, a quen ata o momento da súa detención representaba como letrado
Gonzalo Boye, avogado do expresidente catalán Carles Puigdemont, senta desde este luns no banco da Audiencia Nacional xunto ao histórico narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, por presunto branqueo de capitais na operación Mito, relativa á introdución de case catro toneladas de cocaína.
O xuízo, que está previsto que se prolongue ata o 30 de xaneiro de 2025, reunirá case medio centenar de acusados na sede da Audiencia Nacional en San Fernando de Henares (Madrid).
Esta será a segunda vez que Boye se enfronte a un xuízo como acusado na Audiencia Nacional. O primeiro resultou na súa condena a 14 anos de prisión, en 1996, xunto a outros dous membros do Movemento de Esquerda Revolucionaria (MIR) chileno por colaborar coa ETA no secuestro do industrial español Emiliano Revilla.
Nesta ocasión, a Fiscalía Antidroga pide para el 9 anos e medio por supostamente branquear beneficios de operacións de narcotráfico de Sito Miñanco, a quen ata o momento da súa detención representaba como letrado.
Para o narcotraficante galego, Antidroga solicita unha pena de 31 anos e medio de prisión por dirixir presuntamente unha rede que pretendía introducir en España case catro toneladas de cocaína, e o pago dunha multa de máis de 950 millóns de euros.
Acúsao dun delito contra a saúde pública, outro de branqueo de capitais e outro continuado de falsificación.
Por estes dous últimos delitos o fiscal acusa tamén a Gonzalo Boye e reclámalle polo menos 3,1 millóns de euros de multa, por contribuír, xunto a outros dous avogados, a acreditar a orixe lícita dos 889.620 euros, que se incautaron á trama o 6 de febreiro de 2017 a través de contratos de compravenda de letras de cambio.
Ese día varios dos investigados -presuntos correos que Sito Miñanco utilizaba para enviar o diñeiro a Colombia- foron detidos no aeroporto de Barajas (Madrid) cando transportaban oculto no fondo da súa equipaxe 889.620 euros.
Na estratexia para acceder ao diñeiro comisado confeccionaron unha serie de documentos para simular unhas operacións de compravenda ficticias "e ocultar que o mesmo procedía do narcotráfico en última instancia", expón o fiscal.
Por estes feitos, a Secretaría Xeral do Tesouro impuxo a estes avogados unha multa por infracción grave tipificada na Lei de prevención do branqueo de capitais.