Castelao é nomeado como primeiro presidente de Galicia polo Parlamento
Castelao é nomeado como primeiro presidente de Galicia polo Parlamento
Reivindícase así o seu papel como líder do Consello de Galiza, un Goberno constituído na diáspora en Uruguai hai exactamente 80 anos
Proporase na Cámara a declaración do 2025 como 'Ano Castelao', conmemorando o 75 aniversario do seu falecemento
O Parlamento de Galicia celebrou este venres un acto simbólico de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e reivindicou o seu papel como primeiro presidente de Galicia por exercer como tal no Consello de Galiza, un Goberno no exilio constituído en Uruguai en 1944.
Este acto simbólico celebrouse tras un acordo entre os tres grupos da Cámara atendendo a unha solicitude impulsada polo Partido Galeguista para honrar ao considerado como o pai do nacionalismo galego.
No acto conmemorativo do 80 aniversario da Constitución do Consello de Galiza, o presidente do Lexislativo, Miguel Santalices Vieira, lembrou que nesa data tomou forma a institucionalización do autonomismo galego, "un primeiro paso modesto na forma e na representatividade".
Santalices lembrou a precariedade de recursos e mesmo a itinerancia dos arquivos do Consello galego do que Castelao foi o seu primeiro presidente e contrapuxo a historia do autonomismo galego coa dos gobernos vasco e catalán, que puideron funcionar grazas ás achegas da República.
Con todo, o Consello de Galiza puido funcionar grazas ás achegas dun grupo de galegos do exilio e da emigración xa que "por non ter, non tiña nin sede" aínda que contaba, iso si, cun liderado incuestionable, "un faro de galeguismo, democracia e honestidade e coherencia: o seu presidente, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao".
Deste xeito, o presidente do Parlamento sinalou ao político de Rianxo como un "referente incuestionable" para todos os demócratas galegos, con independencia da súa encadre ideolóxico.
A xornada conmemorativa que se celebrou na Cámara autonómica contou coas intervencións da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e do catedrático de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares.
Na mesa redonda ‘Castelao, un home adiantado ao seu tempo’ participaron representantes de todos os grupos con representación parlamentaria e o presidente do Partido Galeguista, Xesús M. Suárez, moderados polo presidente da Fundación Castelao, Miguel A. Seixas.
Esta homenaxe súmase ás que virán o próximo ano despois de que a Xunta anunciase que propoñerá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar en 2025 o 'Ano Castelao', coincidindo co 75 aniversario do falecemento do intelectual.