Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conseguen rebaixar as penas a menos da metade por un intento de homicidio en Ribeira

Conseguen rebaixar as penas a menos da metade por un intento de homicidio en Ribeira

Os dous agresores cumprirán condenas de cinco e seis anos e medio por disparar e acoitelar a un home

Os acusados de encubrilos, un mozo e unha moza, quedaron absoltos

G24.gal 17/03/2025 13:53

Os dous acusados de apuñalar e disparar a un mozo no municipio coruñés de Ribeira en 2023 aceptaron unha condena de seis anos e medio e cinco anos de prisión, respectivamente, ao alcanzaren un acordo as partes.

Chegaron ao xulgado sabendo a que viñan, xa cun acordo pechado.

"Evidentemente, é un acordo moi substancial, no sentido de que de 20 anos a seis e medio é unha rebaixa tremenda", confesa Carmen Ventoso, a avogada dos dous acusados do intento de homicidio.

Rebaixa da pena de 20 a 6 anos e medio para o que disparou a arma e 5 anos para o que acoitelou a vítima. E rebaixa tamén da indemnización, dos 400.000 euros que pedía a acusación ou dos 85.000 que pedia a fiscalía, a 60.000. Salvounos, en parte, que consumiran drogas.

"Aboamos 30.000 e quedan pendentes, aínda que son insolventes, a ver se poden conseguir outros 30.000, pero é moi difícil", avanza Ventoso. 

Non menos importante é que conseguiron anular a orde de expulsión. Satisfacción entre os dous principais acusados.

"Moi, moi satisfeita, sobre todo, porque hai unha gravidade dos feitos. É unha tentativa de homicidio, disparouse unha arma, co que iso supón, e mesmo había gravacións dunha empresa nas que se vían minutos antes do altercado", engade a letrada. 

Feitos graves que recoñece a propia defensa. Os dous agresores ameazaron un primeiro individuo tras unha lea en Ribeira. El conseguiu fuxir, pero un amigo que quixo defendelo saíu peor parado. Os detidos arremeteron contra el: un acoitelouno, o outro disparoulle.

A policía atopou ambas as armas e localizounos cando fuxían a Portugal, axudados por dúas persoas que hoxe tamén sentaron no banco dos acusados. Son un mozo e unha moza que quedan absoltos do delito de encubrimento.

A sentenza é firme. Só queda por decidir se un dos atacantes poderá saír do cárcere sen cumprir a pena, por arraigamento familiar e laboral.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade