A crecente ameaza de Rusia está a reavivar en Europa o debate sobre a mili obrigatoria
O asunto debateuse en Alemaña e agora en Francia, onde o 61% da poboación apoia a medida; En España de momento non se debate
No continente europeo hai 13 países nos que está vixente o servizo militar obrigatorio
Europa estuda como rearmarse e nalgúns países como Alemaña ou Francia aflora a idea de recuperar o servizo militar obrigatorio vixente en trece países do continente. Lituania e Letonia xa o restableceron. Aquí o tema xera controversia na rúa.
"Obrigatorio non", di un mozo. Outra rapaza engade: "Obrigatorio non debería ser nada hoxe en día".
Os que se opoñen veno un atraso...
"Volver á mili sería retroceder", di unha muller; outra considera: "Mellorar o exército si, pero mili obrigatoria non estou de acordo".
E os que o defenden cren que é unha maneira de recuperar valores tradicionais.
"Un xeito de que os mozos aprendan disciplina", di unha muller. Outra engade: "Totalmente de acordo, eu traballo con adolescentes e perdéronse moitos valores".
No que si que coinciden é en que non debe haber diferenzas de xénero.
"Rapaces e rapazas, se hai igualdade ten que haber igualdade para todo", di unha moza.
Os expertos non ven viable esta medida e apostan por reforzar e mellorar as condicións do exército profesional.
"A oferta ten que ser atractiva, aumentar as retribucións, fomentar a vocación de servizo ao país e a cultura da seguridade", explica José Manuel Estévez, analista de Política Internacional.
O Goberno pretende na próxima década ampliar a o cadro de persoal das forzas armadas cuns 20.000 efectivos.