En Galicia hai 225 hoteis en venda, alugueiro ou traspaso
Un de cada catro está á venda, en traspaso ou en alugueiro, sobre todo nas zonas máis turísticas das provincias da Coruña e Pontevedra, onde se disparou a oferta de aloxamentos vacacionais
Malia que a cifra segue a ser elevada, reduciuse un dez por cento con respecto a 2023, segundo dous estudos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias
Tras sesenta anos no negocio, Ramón da Merca, o Labrego, bota o peche. Logrou arrendar o restaurante, pero o hotel segue buscando traspaso.
Ramón Rodríguez Conde, traspasa un hotel na Merca: "Meu sobriño, que era o continuador, non se puido facer cargo del e decidimos cerralo".
A falta de remuda xeracional é unha das causas polas que un de catro hoteis galegos está á venda, en alugueiro ou á procura de traspaso. Tamén os gastos, desde o mantemento aos laborais.
"Entre alugueiro, impostos, luz, auga, gas... e se tes que meter catro ou cinco empregados...", explica Ramón.
Segundo o estudo que acaba de publicar a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, en Galicia hai 225 hoteis no circuíto de comercialización, a maioría hostais e hoteis dunha e dúas estrelas.
Benito Iglesias, presidente FEGEIN: "Que son os máis complicados de vender ou alugar xa que os grupos e fondos de investimento o que buscan é o contrario: hoteis de catro e cinco estrelas".
A competencia das vivendas turísticas, cunha ocupación estimada superior ao 80 % para a próxima Semana Santa e tamén para o verán, complica aínda máis a supervivencia dos hoteis pequenos.
"Se reducimos a oferta de vivendas vacacionais, o que reducimos son as prazas para os turistas, encarecendo as pernoctacións, que segundo o INE subiron un 5% no último ano", aclara Benito Iglesias.
O número de hoteis en venda reduciuse, iso si, un dez por cento con respecto a 2023.