Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pon en marcha medidas para anticiparse a posibles riscos de inundacións

A Xunta pon en marcha medidas para anticiparse a posibles riscos de inundacións

O Goberno autonómico aprobou ademais neste outono o novo plan Inungal, que establece o marco de coordinación dos servizos de emerxencias para minimizar os riscos e as posible consecuencias

Alfonso Rueda anunciou que o Consello da Xunta aprobou a compra de 85.000 doses da vacina do herpes zóster por un valor de 11,5 millóns de euros

G24.gal 18/11/2024 11:41 Última actualización 18/11/2024 15:00

A Xunta prevé mobilizar o ano que vén máis de 35 millóns de euros no desenvolvemento da súa estratexia de planificación, programación e posta en marcha de diferentes tipos de medidas para facer fronte aos riscos de inundación dentro do ámbito da conca hidrográfica de Galicia Costa.

Así se recolle no informe presentado esta mañá pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no Consello da Xunta, e no que o organismo de conca Augas de Galicia expón a súa estratexia ante este fenómeno.

O informe prevé desenvolver un paquete de actuacións que abarcan medidas preventivas para evitar ou minimizar as inundacións, accións destinadas a protexer as áreas máis sensibles e traballos de restauración ecolóxica e conservación tanto nas canles como nas contornas fluviais co mesmo fin.

En Galicia hai un total de 198 zonas con risco potencial de inundacións fluviais ou costeiras. Delas 47 presentan un risco máis elevado. Son as que terán prioridade de actuación e a elas irán destinadas parte dos 35 millóns de euros que destinan os presupostos da Xunta de Galicia a medidas para adiantarse a posibles incidencias.

"No eido da planificación, anticipación e por suposto sempre baseándose no criterio científico. Damos un paso a maiores que é a simplificación para que todos poidamos aportar o necesario e que os os nosos ríos non sexan un obstáculo sinón todo o contrario", argumenta Angeles Vázquez, conselleira Medio Ambiente.

Entre estas medidas está a de duplicar os medidores do caudal dos ríos ata chegar a 95 puntos na conca Galicia-Costa, competencia da comunidade autónoma. Tamén está en funcionamento un sistema de alertas que permite anticiparse ante posibles enchentes nos ríos.

"O sistema Merlín que en Galicia é pioneiro. Un sistema de alertas temperás que permite prever a tres días vista o posible desbordamento dos ríos e establecer as correspondentes alertas. Un plan desenvolvido en colaboración coa Universidade da Coruña", explica Alfonso Rueda. Presidente da Xunta de Galicia.

 Ángeles Vázquez lembrou que ao longo de 2024 efectuouse a limpeza de ríos nunha área duns 500 quilómetros, nas zonas de máis risco.

A conselleira apostou por continuar as tarefas de limpeza dado que o Plan de xestión de risco de inundación no que se traballa para o horizonte 2028-203 elevará a 172 as áreas de risco e pasará de 548 quilómetros a 566.

O Goberno autonómico aprobou ademais neste outono o novo plan Inungal, que actualiza  o marco de coordinación dos servizos de emerxencias. E obriga a 51 concellos da comunidade a contar cun plan municipal por risco de inundacións. 

O presidente galego, Alfonso Rueda, destacou que a prevención sempre foi un piar na xestión do goberno autonómico pero admitiu que episodios como a DINA de Valencia puxo máis en relevancia esta estratexia de adiantarse ás problemáticas que poidan xurdir.

Baixo esta premisa, o Goberno galego analizou un informe que estuda as actuacións nas que traballa para previr anegamientos, e que recollen tamén cambios lexislativos con medidas para limpar os ríos mediante un endurecemento das sancións e simplificando os informes e trámites necesarios para realizar obras necesarias.

85.000 doses para a vacina do hérpes zoster

Alfonso Rueda anunciou que o Consello da Xunta aprobou a compra de 85.000 doses da vacina do herpes zóster por un valor de 11,5 millóns de euros. A vacina está destinada para os adultos que fan 65 e 80 anos.

O herpes zóster é unha enfermidade causada polo virus da varicela que empeza a ter bastante incidencia a partir dos 50 anos e que cada ano afecta a uns 11.000 galegos.

Trátase dunha vacina que ten que administrarse en dúas doses e a poboación diana, unhas 39.000 persoas, recibirá unha mensaxe lembrándolle a recomendación de vacinarse.

Formación dixital para 21.000 persoas

Rueda anunciou tamén un novo programa para formar en competencias dixitais a 21.000 veciños de municipios con menos de 20.000 habitantes.

Este programa, aprobado este luns polo Goberno galego, desenvolverase entre o próximo ano e ata mediados do 2026, contará cun orzamento de 4,8 millóns de euros e estará financiado con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (NextGeneration).

Con esta iniciativa búscase que "o 70% da poboación galega" teña capacidades dixitais básicas ou avanzadas no 2025, taxa que agora mesmo está no 64 %.

"Queremos reducir a fenda dixital e potenciar o coñecemento dixital que cada vez é máis necesario para pedir unha cita médica, facer un pago bancario ou realizar un trámite", sinalou o presidente da Xunta.

Sinalou que este programa de capacitación dixital transversal tentará proporcionar competencias dixitais básicas a nenos en idade escolar ou aos maiores de 65 anos, así como competencias dixitais avanzadas a persoas de entre 18 e 65 anos.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade