Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lorenzana: "Obrigaremos as eólicas a investir e destinar parte dos beneficios á cidadanía galega"

Lorenzana: "Obrigaremos as eólicas a investir e destinar parte dos beneficios á cidadanía galega"

A conselleira de Industria sinala que coa repotenciación eólica "en oito anos reduciranse nun 80 % os aeroxeradores antigos en Galicia"

María Jesús Lorenzana explica que a "potencia vai ser a mesma", pero as empresas terán por lei que abaratar o prezo medio da enerxía 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no 'Bos días' da TVG
G24.gal 31/10/2024 09:09

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defende no Bos días da TVG o plan de repotenciación eólica do Goberno galego, co que se modernizarán os 100 parques eólicos galegos que teñen aeroxeradores de máis de 25 anos.

A intención, segundo a conselleira, é "reducir en oito anos un 80 % dos aeroxeradores antigos en Galicia", de maneira que se pasarán dos 3.000 actuais a 600 en oito anos. O obxectivo, dixo,  é "conseguir os mesmos ou mellores resultados, pero cun impacto sobre a paisaxe inferior".

Lorenzana sinala que "a potencia vai ser a mesma", pero, a partir de agora, por lei, "calquera promotor que estea aproveitando recursos naturais terá que destinar parte dos beneficios aos cidadáns galegos".

"A enerxía dos próximos parques irá dedicada nunha porcentaxe obrigatoria aos galegos e cun custe mais barato", indicou.

A conselleira rexeita as críticas da patronal eólica e da oposición, e sinala: "É paradoxal que escoitemos da oposición que somos os amigos das eléctricas e que hai portas xiratorias cando o que facemos con isto é obrigalas a que invistan en Galicia, que instalen muíños máis modernos e que destinen parte dos beneficios aos cidadáns galegos".

A conselleira defende que "a lexislación española estea adaptada á directiva europea" e agradece a "disposición ao diálogo" amosada polo delegado do Goberno en Galicia en relación ao desenvolvemento da eólica mariña en Galicia.

Con todo, pídelle ao Executivo central que, á hora de desenvolver este proxecto, o faga "falando cos sectores implicados e traballando co sector pesqueiro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade