A produción de grelos vai a menos en Galicia pola falta de man de obra agrícola
A produción de grelos vai a menos en Galicia pola falta de man de obra agrícola
As condicións atmosféricas inflúen na produción desta hortaliza
O comercializador Pepe Alvela advirte que cada vez hai menos persoal que cultiva os grelos
Como todo cultivo ao aire libre, o do nabo, nabiza e grelo vén determinado polas condicións atmosféricas. A tempada non está a ser a mellor para esta hortaliza en Galicia. Aínda que hai diferenza segundo as zonas, esta planta de inverno ten as súas preferencias e debilidades en canto ao tempo para chegar esplendorosa ao mercado, como as presadas que comercializa Pepe Alvela en Vedra.
"Tivemos uns días de xeada no final de ano e agora volvemos ter días frescos e con xeada. Isto é bo para a planta. Fai que medre lentamente, que non apure o seu crecemento, pero a planta nese sentido está sa e o produto é de moi boa calidade" di Pepe Alvela, xerente de Vda. de Parada e Alvela.
Canto á cantidade, a demanda do mercado dá para comercializar máis. Pero o factor determinante de que os grelos escasean hai que situalo en que non hai quen traballe a terra, máis que nos factores atmosféricos.
"As chuvias destas semanas pasadas fixeron que a produción empeorase un pouco, pero, xa digo, cada ano plántase menos e, daquela, tamén se nota máis se hai un ano malo. Estamos ante un produto que cada ano vai a menos porque non hai a remuda xeracional para traballar o campo", engade Alvela.