Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous veciños de Lugo e Monforte foron vítimas de calotes informáticos

Dous veciños de Lugo e Monforte foron vítimas de calotes informáticos

Un deles foi vítima do chamado calote do amor 

Entre os dous perderon preto de 17.000 euros

G24.gal 15/01/2025 14:19

Un veciño da cidade do Cabe foi vítima do calote do amor. Coñeceu a través de Internet unha muller que era unha suposta médica no Iemen e foi enganado por unha trama organizada. A suposta muller comezou pedíndolle diñeiro para un billete de avión, pero despois foron xurdindo supostos inconvenientes e novas peticións de diñeiro que fixeron sospeitar a vítima. Logo de perder case 3.000 euros puxo os feitos en coñecemento da Policía Nacional de Monforte e iniciouse unha investigación que acabou coa detención dun home en Madrid.

"Nin había médico nin ningún país. A vítima fai o primeiro ingreso e cando xa está enganchado vanlle pedindo máis ata que a persoa se decatou de que estaba a ser enganada", explica Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.

O outro dos calotes informáticos foi un dos máis habituais, o do falso banco, e tivo como vítima un veciño de Lugo. Recibiu unha chamada fraudulenta da que pensaba que era a súa entidade, cometeu o erro de acceder ao que lle pedían e cando se decatou tiña ata tres cargos diferentes de máis de 4.000 euros cada un deles. O presunto estafador foi detido en Valencia.

"Dinlle do seu suposto banco que debe facilitar uns datos e vai recibir unhas mensaxes, e aí estaba a trampa. Ao abrir as mensaxes deu acceso á súa entidade bancaria auténtica", relata o voceiro da Policía Nacional en Lugo Manuel Arias.

Dende a policía lembran que os bancos non piden as claves persoais nin por teléfono nin por Internet e recomendan extremar as precaucións. Ademais inciden na importancia de denunciar estes casos, malia que adoita ser difícil recuperar o diñeiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos