Roupa térmica e bebidas quentes, así combaten o frío os que traballan na rúa
Roupa térmica e bebidas quentes, así combaten o frío os que traballan na rúa
Varredores, xardineiros, carteiros ou repartidores traballan estes días cos termómetros baixo cero
Capas e capas de roupa que van quitando a medida que vai avanzando o día, e soben as temperaturas
David é carteiro. Fai o seu traballo a pé ou en moto e estes días que o frío aperta leva roupa térmica e luvas que abrigan, pero atrasan o traballo. "Traballamos coa PDA para certificados, paquetes, tamén para as cartas para deixalas na caixa de correo, é incómodo. Tes que andar sacando poñendo", explica David López.
Nerea é varredora. Comeza a súa quenda ás sete da mañá e en días coma estes asegura que non hai luva coa que consiga ter quentes as mans. "A primeira hora costa empezar, logo ben desde que te moves e colles ritmo vas entrando en calor, o peor son as mans", di.
Para Iago que é xardineiro o truco está en poñer moitas capas de roupa pero aínda así: "Buff, mal, hai que abrigarse poñer gorro, braga, luvas e máis roupa que tiveramos", asegura Iago.
Capas que restan un pouco de mobilidade pero das que se van desprendendo a medida que avanza a mañá e van subindo as temperaturas, aínda que estes días soben pouco as máximas sitúanse nos dez graos. "Demasiado frío, a temperatura hoxe estaba a menos dous e en vez de subir baixaba", comenta Gilberto Valle, repartidor.
Como Gilberto, Diego pasa o día repartindo. A el o frío non lle molesta, prefire pasar o día abrigado que mollado. "Cando chove sempre estás mollado chorreas a furgoneta e non hai maneira se vai frío abrígaste e listo", explica.
Abrigarse e protexer ben a cabeza, que é por onde se perde máis a calor corporal, e non hai que esquecer hidratarse.