Tempo seco, noites frías e pouco vento para a semana que empeza
Tempo seco, noites frías e pouco vento para a semana que empeza
Ningunha provincia se librou de xeada na madrugada deste luns en que a temperatura baixou ata os catro graos negativos na zona da Limia
Foi noite de frío. Ningunha das catro provincias se librou de xeada nalgunha zona esta noite pasada. Foron horas de inverno auténtico en xeral e, especialmente en lugares ourensáns como Baltar ou Calvos de Randín onde a temperatura descendeu ata os catro baixo cero. Quen prefiren o frío aproveitaron a mañá sen chuvia para poñerse a camiñar.
"Está frío, eh. Pero dá gusto que estea así bo tempo, co día clariño. Mellor o frío que a chuvia", di un camiñante. "Prefiro o frío, que mate os bechos e non tanta chuvia", afirma a súa compañeira. "O tempo non está frío como hai uns quince anos, en que se vía a xeada oito días seguidos e agora iso non se ve", explica outro paseante.
Como a de hoxe, dinnos en MeteoGalicia, temos unha atmosfera similar para os próximos días; "Néboas en zonas do interior, néboas matinais, especialmente hoxe e mañá tamén pode haber algún banco de néboa localmente persistente. Temperaturas moi baixas, sobre todo polas noites, con xeadas. Vai ser un tempo seco, solleiro, con ceo ou despexado ou con nubes altas que non van impedir completamente o paso do sol. Outro punto que hai que sinalar é moi pouco vento, frouxo, de dirección variable e compoñente leste", informa Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia.
Precisa Lage que na zona de Bares podería alcanzar certa intensidade e que as temperaturas máximas situaranse entre os 13 e 18 graos. Esta última, na área das Rías Baixas. No interior, ambiente máis adecuado para desfrutar do frío como facía esta mañá María José nas Fontiñas, con un traballo de costura nunha mesa do parque compostelán.