Publicador de contidos
Publicador de contidos

O interior de Galicia conxélase a -10 graos e o frío impide circular un AVE

O interior de Galicia conxélase a -10 graos e o frío impide circular un AVE

G24.gal 15/01/2025 11:52

As temperaturas mínimas rozaron este mércores os 10 graos negativos nas provincias de Lugo e Ourense, onde estivo activo de madrugada un aviso amarelo por baixas temperaturas, que continúa para este xoves en ambos os dous lugares.

Segundo os valores recollidos por MeteoGalicia, a mínima máis baixa rexistrouse en Calvos de Randín (Ourense), con -9,3º ás 8:20 horas. Verín e Xinzo de Limia alcanzaron os 7,6º negativos entre as 8:30 e as 9:00 horas.

En Lugo, Bóveda rexistrou os -5,8º ás 8:50 horas, mesma temperatura que Baltar (Ourense) ás 7:50 horas.

Esta madrugada, as temperaturas máximas roldaron os 10 graos. Así, Poio rexistrou 11,9º ás 1:10 horas e foi a máis alta, pois o resto movéronse por baixo dos 10º: Cuntis, 10,1º; Oia, 10º; Vigo e Fornelos de Montes, 9,9º.

O frío impediu, de feito, a circulación do AVE que partiu de Ourense ás 06:30 horas. A catenaria viuse afectada polo xeo e o convoi quedou parado aos poucos minutos de poñerse en marcha. Os pasaxeiros foron retrocedidos a Ourense e desde alí recolocados noutro tren cara ao seu destino. 

As baixas temperaturas continuarán o que queda de semana, mesmo cun aviso amarelo activo para este xoves desde a madrugada e ata as 12:00 horas para as provincias de Lugo (interior) e de Ourense.

A previsión é que as temperaturas mínimas caian por baixo dos 4º negativos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade