O Goberno negocia cos socios o paquete fiscal na véspera da súa votación
O Goberno negocia cos socios o paquete fiscal na véspera da súa votación
Podemos ameaza con tombar a lei se non se garante a prórroga do imposto ás empresas enerxéticas
O Goberno espreme cada hora antes da votación do paquete fiscal que terá lugar este xoves no Congreso. O executivo busca a fórmula que reconcilie as demandas antagónicas dos seus aliados e cre que atopou a fórmula. "Por suposto que se pode casar", dixo Pedro Sánchez dende O Brasil.
Por un lado, contentan a Junts retirando da lei o imposto ás enerxéticas. "Cataluña gaña", din os de Puigdemont.
Por outra banda, aos de ERC, BNG e EH Bildu, o Goberno prometeulles presentar un decreto que prorrogue un ano máis ese mesmo imposto.
Non se coñece o texto, pero fálase de rebaixar o tributo bonificando, ao mesmo tempo, os investimentos verdes desas empresas. Sería esta outra solución para evitar o veto de Junts.
Quen menos se fía, a esta hora, da dereita catalá é Podemos. Esixe garantías de que Junts non vai tombar ese decreto. Do contrario, serán os seus catro deputados os que fagan caer este xoves todo o paquete fiscal.
Goberno e socios tentan convencer os morados na véspera da votación. Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso, confirmou nos corredores do Congreso que están "intentando falar con eles" para que apoien mañá a lei.
Para Mertxe Aizpurua, de EH Bildu, é Podemos quen "ten que tomar as súas decisións, nós xa tomamos a nosa".
Pola súa parte, os populares critican a proposta fiscal do Goberno xa que, en opinión da súa secretaria xeral, Cuca Gamarra, o que fai é "institucionalizar a inseguridade xurídica e espantar todo tipo de investimentos no noso país".
A ministra de Facenda recríminalle ao PP que non actúe como un partido de Estado e vote en contra da norma, "porque nos xogamos, xustamente, o plan fiscal estrutural e o quinto desembolso". Advirte María Jesús Montero que desta reforma dependen 7.200 millóns de euros de fondos europeos.