Teresa Ribera, designada vicepresidenta da Comisión Europea
Teresa Ribera, designada vicepresidenta da Comisión Europea
O nomeamento saíu adiante nas comisións competentes do Parlamento Europeo, para o que se requiría maioría de dous terzos
Foi tralo acordo pechado por populares, socialdemócratas e liberais, que tamén aproba o nomeamento como vicepresidente do candidato de Italia
O PPE apoia a Teresa Ribera a pesar do rexeitamento dos seus socios do PP español
As comisións competentes da Eurocámara aproban a designación da vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, como vicepresidenta do novo Executivo comunitario.
A reunión prolongouse case catro horas pola insistencia do Partido Popular Europeo (PPE) en que a carta de recomendación mencionase unha eventual dimisión se chegase a ser encausada pola súa xestión da DINA. Ao final, figura nun anexo como unha petición do PPE e do grupo de Patriotas por Europa, no que está VOX. Un anexo "sen validez xurídica", segundo fontes parlamentarias.
O mesmo formato usan o grupo dos Socialistas e Demócratas e o dos liberais de Renovar Europa para pedirlle ao italiano Raffaelle Fitto, tamén aprobado como vicepresidente, que traballe con independencia do Goberno que o propuxo, o da ultradereitista Giorgia Meloni.
Canda a eles foron confirmados os outros catro vicepresidentes pendentes e o comisario húngaro, Olivér Várhelyi.
A nova CE votarase a semana que vén, o mércores
Así as cousas, o novo Executivo comunitario presidido por Ursula von der Leyen someterase a votación no pleno do Parlamento Europeo o próximo mércores, día 27.
Votarase ao compleo, en bloque, sen posibilidade de rexeitar a ningún membro. Para saír adiante precisa maioría simple.
Desbloqueo da situación
Os líderes dos principais grupos da Eurocámara, Manfred Weber (PPE), Iratxe García (S&D) e Valérie Hayer (RE) pechaban este mércores o acordo para desbloquear a luz verde á nova Comisión Europea, deixando a un lado os vetos cruzados.
O Partido Popular Europeo comprometíase a darlle o visto e prace a Teresa Ribera como vicepresidenta executiva para a Transición Xusta, Limpa e Competitiva, malia a oposición do PP.
Os Socialistas e Demócratas e os liberais de Renovar Europa comprometíanse a facer o propio cos ultradereitistas Raffaelle Fitto e Olivér Várhelyi -propostos por Italia e Hungría- como vicepresidente e comisario de Sanidade e Saúde Animal; o húngaro sen as competencias sobre dereitos reprodutivos das mulleres e xestión de pandemias: cédellas á belga Hadja Lahbib, comisaria de Igualdade e Xestión de Crises.
O pacto poñía fin a 8 días de bloqueo.
Reaccións de PP e PSOE
A voceira do PPE, Dolors Montserrat, asegura que Teresa Ribera "non tivo nin terá nunca o apoio do PP", afirmando que os principios da formación "seguen intactos". Nas redes sociais, di que a ministra española ía a Bruxelas para ser vicepresidenta e número dous da Comisión Europea "e acabou suplicando apoios a Meloni e Orbán para ser comisaria". Engade que "terá que dimitir" se é imputada.
A dirixente do PSOE e presidenta do grupo dos Socialistas e Demócratas, Iratxe García, defende que actuaron "con responsabilidade pola estabilidade da UE, que o PP puxo en risco". Asegura que acordaron traballar xuntos cun enfoque construtivo "para avanzar no mellor interese dos europeos e reafirmar o compromiso da maioría proeuropea coa cooperación nun contexto xeopolítico desafiante".