Piden a retirada do barco que quedou afundido en Camariñas, tras arder no porto
Piden a retirada do barco que quedou afundido en Camariñas, tras arder no porto
Parece que a embarcación, dun armador galego, pescaba sen seguro e segue sen que ninguén que se faga cargo
Denuncian contaminación e riscos para os outros barcos
Mirando cara ao fondo, apenas se ve a simple vista, pero aí está... Leva nese recuncho do porto dende que ardeu hai dous meses.
"Polo que nos indican, Portos está con ese trámite e non sabemos se é Portos, Mariña Mercante, a aseguradora, ..., non sabemos de quen depende pero ao final, o barco segue no fondo e os residuos están aquí e uns por outros, a casa sen varrer", explica María José Pasantes, a secretaria da confraría de Camariñas.
Do armador pouco máis se sabe que é de Aldán. A confraría non contactou con el nin ao revés. Seica estaba de paso, na campaña do bonito e atracou en Camariñas para resgardarse dun temporal. O remedio tivo un mal final...
"Foi ao fondo e aí quedou. Dixeron que non tiñan seguro, non sei que pasou pero, de momento, aí está. Tíñano que sacar xa o primeiro día e despois sería cousa de arranxar entre eles", comenta un mariñeiro.
O barco é unha ameaza para o mar.
"Iso está contaminando todo enteiro. Está aí que dá noxo ver isto, con gasóleo, aceites, ... está feito un noxo", engade o mariñeiro.
"Aquí hai muxiños, hai peixes pequenos e non só iso: ata cheira o motor", apostila outro armador.
E para os propios mariñeiros, que trasfegan nese lado do porto a diario.
"O que non pode ser é que estea aí nunha esquina, que ata é moi abrigada para ter os barcos. Non podemos atracar que temos que deixar ese cacho porque está o barco aí abaixo e podemos tocar nel", advirte un armador
"Que no veña un despistado e quede varado enriba del porque un despiste pode haber e está o casco no fondo", confirma outro armador, xa retirado.
De momento, non hai prazos nin saben quen se vai facer cargo, pero temen que o Jaungoikoa, o pesqueiro de nome vasco con base en Aldán, acabe sendo outro esqueleto máis no fondo do mar.