Arranca en Camariñas a Mostra do Encaixe que espera recibir 20.000 visitantes
Participan palilleiras da Costa da Morte e doutras comunidades e países europeos
O certame auna encaixe, moda, deseño, gastronomía e actividades culturais e deportivas
Fan arte sobre unha almofada e un patrón, entrelazando os fios cuns palillos que parecen voar con facilidade entre as mans expertas. E cada ano, desde hai 34, cítanse na Mostra do Encaixe de Camariñas para mostrar o seu bo facer.
Aquí atopamos a mulleres que levan palillando desde a infancia e outras que comezaron xa de maiores. E exemplos de que esta profesión non sabe de idades nin sexos. Os homes son minoría pero entre os que estaban mostrando e vendendo os seus encaixes atopamos a Andrés. Ten 19 anos e comezou a palillar con catro.
"Costou encaixar porque son todo mulleres dunha determinada idade, pero aquí sigo, encantadísimo da vida".
É hai tempo unha cita clásica en Semana Santa, declarada de Interese Turístico de Galicia. Desta volta espera reunir 20.000 visitantes.
"Vaise ver unha integración de moda, encaixe e gastronomía con cultura e deporte dentro dos dous pavillóns municipais", explica a responsable da mostra, María Dolores Lema.
"O noso obxectivo é innovar, tanto en materiais como en deseño. Porque os deseños novos son os que van facer despois as palilleiras", explica a responsable da Mostra do Encaixe de Camariñas.