Un incendio calcina un piso na Coruña e obriga a desaloxar todo o edificio
Os bombeiros tiveron que rescatar tres veciños do terceiro andar do inmoble, situado no barrio de Monte Alto
Un incendio obrigou a desaloxar un edificio da Coruña. O lume queimou por completo o piso onde comezaron as lapas, pero non chegou a estenderse ao resto das vivendas.
Ás tres da tarde, vinte minutos despois de que Emerxencias recibira o aviso, a columna de fume era visible desde moitos puntos da cidade. Situaba o incendio no barrio de Monte Alto, concretamente na avenida de Hércules. Óscar, que vive nun dos segundos, estaba nunha lavandaría próxima cando comezou o lume.
"Vin que a xente miraba cara aquí e vin que saía fume, pero pensei que fora no edificio contiguo. Vin os meus veciños nas ventás e a miña veciña tirada no chan cunha crise de ansiedade, a pobre", explica.
A muller foi atendida alí mesmo por un equipo médico do 061. O incendio comezou na súa casa, o outro segundo. Unha estufa que ardeu parece ser a orixe das lapas. Os bombeiros utilizaron a autoescada para rescatar tres veciños do terceiro. A extinción foi traballosa.
"O canón de escaleira e o piso están moi afectados. Había moita temperatura e custounos moito chegar ao foco do incendio. Foi laborioso, pero non hai que lamentar danos persoais e tampouco danos alén do piso e a escaleira", detalla José Villar, xefe de quenda dos Bombeiros da Coruña.
Marisol, residente do último andar, seguiu a intervención desde a rúa coa angustia de saber que a súa gata quedara soa na casa. Finalmente, os bombeiros confirmaron que o animal estaba a salvo agochado na terraza. A maioría dos veciños xa puideron regresar ás súas casas.