Rubiáns pon de novo en valor o cultivo das camelias
Rubiáns pon de novo en valor o cultivo das camelias
A parroquia de Rubiáns, en Vilagarcía, recupera despois de varios anos a súa exposición
Medio cento de expositores, chegados de distintas localidades da provincia de Pontevedra, e de Santiago, participan nesta exposición de camelias. Entre eles, unha ducia de veciños de Rubiáns, xa que nesta parroquia de Vilagarcía hai unha gran tradición de cultivo destas flores.
"Eu desde pequena recordo que en cada casa de Rubiáns hai un camelio. A paixón
que teñen os camelistas é case unha enfermidade, un hobby que ten moito traballo, tamén".
Un deses afeccionados leva gañado dúas Camelias de Ouro, noutras tantas exposicións internacionais. Na súa horta ten máis de 2.000 camelias e aquí trouxo unhas 60 variedades diferentes, entre elas tres novas logradas por unha cultivadora galega.
"Esta que vemos aquí é feita en Galicia, en Boiro, dunha semente dunha camelia da que se obtivo unha variedade nova. Outra galega é esta".
Ademais de adornaren os xardíns nos meses do inverno, cando apenas hai flores, as camelias teñen outros usos. Cos brotes e as follas secas dunha especie de camelia prepárase o té. E o aceite de camelia considérase un dos mellores aceites alimentarios do mundo, ademais de utilizarse para a elaboración de produtos medicinais e cosméticos.