Falece un home tras ser achado inconsciente nun barco en Cee
Falece un home tras ser achado inconsciente nun barco en Cee
Un particular alertou o 112 ao observar a lancha dando voltas sobre si mesma
Os servizos sanitarios practicáronlle manobras de reanimación, pero só puideron confirmar o peor
Un home faleceu nun barco en Cee na tarde do venres. Foi achado inconsciente nun barco e recollido por unha embarcación de Salvamento Marítimo, pero non puideron facer nada por salvalo.
Foi un particular o que alertou o 112 pouco antes das 14:00 horas, ao observar a embarcación do falecido dando voltas sobre si mesma. Nese momento non podía confirmar se había alguén ou non a bordo.
Non tardou en achegarse o persoal de Salvamento Marítimo, a bordo dunha embarcación auxiliar do buque Don Inda. Segundo o 112, comprobaron que no interior do barco había un home inconsciente, polo que o trasladaron ata o peirao de Brens.
Alí os profesionais sanitarios intentaron reanimalo, pero só puideron confirmar o seu falecemento.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, Portos de Galicia, a Garda Civil e Protección Civil de Cee.