Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aparece o corpo sen vida do mozo de 18 anos desaparecido o domingo en Silleda

Aparece o corpo sen vida do mozo de 18 anos desaparecido o domingo en Silleda

Foi atopado no río Deza, na zona de Ponte Taboada, onde se concentraron os labores de busca desde o primeiro momento

G24.gal 14/01/2025 16:35

O mozo de 18 anos de orixe chinesa que desapareceu o pasado domingo en Silleda despois de despedirse dos seus amigos a través de redes sociais, foi achado sen vida este martes.

O cadáver, segundo confirmou o 112 Galicia, foi atopado no río Deza, na zona de Ponte Taboada, onde se concentraron desde o primeiro momento as tarefas de busca, ao ser o último punto no que puido ser rastrexado o seu teléfono móbil.

A procura, que estivo coordinada pola Garda Civil, retomouse á primeira hora deste martes e a ela sumáronse mergulladores do instituto armado, que foron os que localizaron o corpo sen vida do novo.

Tamén se despregaron sobre o terreo, entre outras unidades, a operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias, efectivos do GES de Lalín e de Protección Civil de Vila de Cruces e numerosos voluntarios.

Membros do grupo especial de localización e rescate da ONG Intervención, Axuda e Emerxencias realizan as tarefas de recuperación do corpo.

Ademais, ata o lugar desprazaranse profesionais do grupo de intervención psicolóxica en catástrofes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para atender aos seus familiares e amigos.

Levaba desaparecido desde o domingo ás 8:00 horas, cando saíu da casa. A súa familia reportara a súa ausencia ao 112 esa mesma tarde. A preocupación aumentara aínda máis ao coñecer unha mensaxe de despedida que o mozo publicara nas redes sociais.

O 024 ofrece un servizo de axuda fronte a pensamentos, ideacións ou calquera risco de conduta suicida. Esta liña telefónica é gratuíta, confidencial e está dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar