A vacina contra a lingua azul volverá ser gratuíta unha tempada máis en Galicia
A vacina contra a lingua azul volverá ser gratuíta unha tempada máis en Galicia
A vacinación considérase voluntaria e ademais levántanse as restricións ao movemento do gando en toda a península
Medio Rural destinará 4,8 millóns de euros no período 2025-2029 para fomentar o coidado e mantemento das forestacións derivadas das súas ordes de axudas
Tres dos oito mercados de gando españois atópanse en Galicia: Silleda, Amio e Castro de Ribeiras de Lea
A Xunta ofrecerá de forma gratuíta a vacina contra a lingua azul esta campaña en Galicia, máis aló dos cambios nos protocolos impulsados pola nova estratexia nacional do Ministerio de Agricultura contra esta enfermidade gandeira que, entre outras cuestións, considera voluntaria a vacinación e levanta as restricións ao movemento do gando en toda a península.
Fontes da Consellería do Medio Rural, que explican que xa comezou a campaña de vacinación, que do mesmo xeito que outros anos será gratuíta, e estase informando os gandeiros sobre esta posibilidade.
Así mesmo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a convocatoria de axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeira para o ano 2025, cun orzamento de 2,28 millóns de euros.
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir deste mércores 15 de xaneiro. Subvencionaranse aqueles programas que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026. Estas axudas financiarán o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais.
As asociacións de defensa gandeira poden executar as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, cunha colaboración na vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica.
Case 5 millóns para as forestacións
Ademais, Medio Rural destinará 4,8 millóns de euros no período 2025-2029 para fomentar o coidado e mantemento das forestacións derivadas das súas ordes de axudas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería pola que se establecen as bases reguladoras destes compromisos e convócanse para este ano.
Estas achegas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e corresponden aos compromisos de mantemento de forestacións derivadas das ordes beneficiarias entre 2025 e 2029. Os compromisos son para fomentar o coidado, mantemento e máis traballos forestais posteriores á plantación, cunha axuda nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.
Central Agropecuaria de Galicia
Por outra banda, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, asistiu á segunda poxa de gando celebrada no que vai de ano na Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda, un dos oito mercados de gando que existen en España. Ademais do de Silleda, dous máis atópanse en Galicia: Amio e Castro de Ribeiras de Lea.
En 2024 houbo unha presenza neste mercado de 53.732 animais, que supoñen un volume de transacción de máis de 39 millóns de euros. A asistencia aumentou un 6,1 % con respecto ao exercicio anterior, a mellor cifra desde 2009.
Noutra orde de cousas, a conselleira visitou a casa rural A Molinera, situada no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, beneficiaria dunha axuda de máis de 139.000 euros do programa Leader. Alí, Gómez subliñou a contribución do Leader e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) á dinamización territorial e económica do campo galego.