Publicador de contidos
Publicador de contidos

España adquirirá vacinas de gripe aviaria no próximo proceso de compra conxunta da UE

España adquirirá vacinas de gripe aviaria no próximo proceso de compra conxunta da UE

Aínda que non se produciron casos de transmisión entre humanos, a situación epidemiolóxica cambiou respecto a xuño, cando optara por non adquirilas

G24.gal 08/01/2025 16:52 Última actualización 08/01/2025 17:49

O Ministerio de Sanidade adquirirá vacinas contra a gripe aviaria no próximo proceso de compra conxunta da UE porque aínda que non se produciron casos de transmisión entre humanos, a situación epidemiolóxica cambiou respecto a xuño, cando optou por non adquirilas.

Así o explicou o secretario de Estado de Sanidade, resaltando que España está a revisar os stocks de elementos como respiradores, máscaras, pezas de protección e tests diagnósticos e está a participar "moi activamente" a nivel europeo na vixilancia da resposta a un eventual aumento da transmisión.

Sanidade desbotou nun primeiro momento sumarse ao mecanismo de compra centralizada de vacinas da UE ao que si se adheriron quince países para adquirir vacinas contra a gripe aviaria ante a escasa probabilidade de transmisión a humanos en España, aínda que deixou a porta para facelo se fose necesario.

En concreto, a Autoridade Europea de Reacción Urxente ante Ameazas Sanitarias (HERA) asinou o pasado 11 de xuño un contrato de adquisición conxunta para a subministración de ata 665.000 doses contra o virus da influenza zoonótica, que se contaxia de animais a humanos ante o gromo desatado nos Estados Unidos en aves e, por primeira vez, en gando bovino.

Fíxoo co obxectivo de previr a gripe aviaria en persoas e prepararse fronte a unha eventual pandemia para distribuír o fármaco entre a poboación máis exposta a posibles infeccións, como os traballadores en granxas de aves e veterinarios. O contrato incluía unha opción de subministración de 40 millóns de doses adicionais durante os seus catro anos de duración.

España decidiu entón non adquirir vacinas porque "a evidencia dispoñible sobre a efectividade era moi baixa no seu momento", pero agora considera que a evolución epidemiolóxica, con 66 casos en humanos confirmados nos Estados Unidos, un falecido e case 700 rabaños de vacas leiteiras afectados en varios estados, é outra.

Aínda así, Padilla insistiu en que aínda non se deu o "elemento fundamental que determina o potencial pandémico, que é a transmisión entre humanos". O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) actualizou o seu informe de avaliación do risco en España desta gripe, manténdoo en "moi baixo" para a poboación xeral e en "baixo" para a máis exposta, como os traballadores de granxas.

Sanidade optou agora por mercar vacinas porque "cantas máis papeletas compremos, cantos máis casos haxa, tanto a nivel animal como de animal a humano", máis probabilidades hai de que se produzan algunhas mutacións de adaptación no virus e que produza ese salto".

Respecto ao gromo de infeccións respiratorias detectado no norte da China, Padilla tamén quixo tranquilizar lembrando que este martes  a OMS declarou que "son coñecidos", incluíndo o metapneumovirus humano (MPVH).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade