O detido por agredir a súa nai en Mos, ingresado en psiquiatría ata que poida declarar
O detido por agredir a súa nai en Mos, ingresado en psiquiatría ata que poida declarar
O xulgado decretou o internamento non voluntario do mozo e o hospital deberá informar cando sexa dado de alta
A muller permanece ingresada en estado grave no CHUAC tras sofrer cortes e queimaduras
O Xulgado de Primeira Instancia número 12 de Vigo decretou o internamento non voluntario do home de 28 anos detido na noite do pasado 5 de xaneiro tras, supostamente, agredir a súa nai causándolle graves queimaduras e cortes na vivenda familiar de Mos.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), dado que se ía cumprir o prazo máximo de detención do sospeitoso e non foi posible tomarlle declaración -atópase ingresado na unidade de psiquiatría do hospital vigués Álvaro Cunqueiro-, o Xulgado de Instrución número 1 do Porriño acordou a súa posta en liberdade.
O home segue hospitalizado e, segundo os informes médicos, non se atopa en condicións de declarar. O hospital foi notificado para que informe o xulgado cando vaia ser dado de alta.
Os feitos ocorreron na noite do 5 de xaneiro, cando o mozo, que ten problemas de saúde mental, supostamente atacou a súa nai, de 70 anos, causándolle lesións graves por cortes e queimaduras. Aínda que tratou de fuxir da vivenda, na parroquia de Tameiga, saltando por unha xanela, foi finalmente detido pola Garda Civil.
A muller foi trasladada inicialmente ao hospital Álvaro Cunqueiro, pero a gravidade das súas lesións fixo que os médicos decidiran trasladala á unidade de grandes queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde permanece ingresada en estado grave.