Publicador de contidos
Publicador de contidos

A xustiza paraliza de forma provisional o regreso do fillo de Juana Rivas a Italia

A xustiza paraliza de forma provisional o regreso do fillo de Juana Rivas a Italia

Antes de tomar a decisión, a xuíz de garda e o fiscal escoitaron o menor, de dez anos, no transcurso dunha exploración celebrada en dependencias xudiciais

O menor, que reside en Italia co seu pai, estaba de vacacións coa súa nai desde o pasado 22 de decembro

A fiscalía italiana acusa a Francesco Arcuri de someter ambos os dous fillos "habitualmente a violencia física, vexacións, insultos e ameazas"

Imaxe de arquivo de Juana Rivas en 2017 nos xulgados de Granada (Europa Press) Imaxe de arquivo de Juana Rivas en 2017 nos xulgados de Granada (Europa Press)
G24.gal 08/01/2025 08:51

O Xulgado de Instrución Número 4 de Granada, en funcións de garda, acordou este martes a suspensión provisional da orde da xustiza italiana para que o fillo menor de Juana Rivas regrese a Italia co seu pai Francesco Arcuri, que ten a súa custodia.

Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA), o xulgado instrutor suspendeu a restitución do menor co seu pai, que ordenara, con data máxima deste mércores 8 de xaneiro, a Corte de Apelación de Cagliari, o equivalente a unha audiencia provincial.

A decisión da xuíza de garda fora solicitada pola Fiscalía de Granada e a representación legal da nai Juana Rivas, e adoptouse co fin de protexer o menor.

Antes de tomar a decisión, a xuíza de garda e o fiscal escoitaron o menor, de dez anos, no transcurso dunha exploración celebrada en dependencias xudiciais.

A xuíza inhibiuse en favor do Xulgado de Violencia contra a Muller 2 de Granada, que deberá agora decidir se lle corresponde asumir o procedemento dado que nel xa constaba unha denuncia por malos tratos presentada pola nai.

Esa denuncia atópase actualmente arquivada, pero a decisión de arquivo non é firme dado que ten recurso en reforma ante o propio Xulgado de Violencia.

O menor chegou a España o pasado 22 de decembro cun permiso especial para visitar a súa nai e o seu irmán, que vive con ela desde que cumpriu 18 anos.

Estas vacacións serviron para formalizar varias denuncias, nas que Juana Rivas volveu acusar o seu exmarido de violencia machista.

Ademais, o menor relatou, segundo o equipo xurídico de Rivas, que Arcuri o someteu a episodios reiterados de malos tratos e que teme volver con el a Italia despois de contar en España a violencia que sofre.

Juana Rivas foi condenada a cinco anos de prisión por dous delitos de subtracción de menores por desaparecer cos seus fillos, no verán de 2017, para evitar que volvesen coa súa exparella, a quen denunciou por malos tratos.

O Supremo estimou parcialmente o recurso desta veciña de Maracena e rebaixoulle a pena á metade ao considerar que, aínda que foron dous os menores subtraídos, cometeu un único delito.

Rivas recibiu un indulto parcial polo que o Supremo conmutou a súa condena firme por 180 días de traballos en beneficio da comunidade e un curso de parentalidade positiva, medida de graza que non eliminaba os seus antecedentes na xustiza italiana. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade