Reclaman a instalación de cilindros xiratorios que impidan a entrada do gando na A-54
Reclaman a instalación de cilindros xiratorios que impidan a entrada do gando na A-54
Veciños de Palas de Reis denuncian que os novos accesos non contan con ningún destes dispositivos
Hai moito gando na zona e o seu acceso á autovía representa un grave perigo para os usuarios
A piques de abrirse o novo treito da A-54 entre Melide e Palas de Rei, nos accesos que se están habilitando neste último concello, na parroquia de Remonde, os veciños reclaman a instalación de cilindros xiratorios que impidan a entrada de animais na vía. Hai moitas explotacións gandeiras e advirten do perigo que representa que o gando poida introducirse na autovía.
"O gando non entende de coches, nin de entrar ou saír", cóntanos Xesús, un veciño de Remonde. "Aquí queda unha pista e a 20 metros está a entrada á autovía. Calquera gando que se bote fóra dunha leira ou que escape do lobo pode meterse na autovía, e todos sabemos o que pode ocasionar iso".
Os veciños da parroquia de Remonde, en Palas, reclaman a instalación duns cilindros xiratorios ou pasos canadenses en polo menos algúns dos accesos ás rotondas que comunican coa A-54. "Este é un problema de todos. Tamén do cidadán que vai conducindo tranquilamente e lle aparece unha vaca ou un xabaril".
A A-54, benvida por outro lado como unha mellora nas comunicacións por estrada, vén dando máis dunha dor de cabeza aos veciños desta parroquia de Palas. As obras deixáronos sen acceso aos mananciais de auga dos que se abastecían.
"Tiñamos unha traída de auga todos os veciños dende hai mais de 50 anos, que quedou totalmente seca tras as obras", di Chus, residente en Remonde. "Levo máis de seis anos sen auga eu mais o meu gando", insiste Xesús.
Falan de, polo menos, aproveitar as novas escorrentías que caen polos noiros da autovía. "Baixa moita auga pola autovía que se podería aproveitar se se fixese un depósito para subministrarse con cisternas".
Din os veciños de Remonde que van cansos de enviar escritos de reclamación. "Vas á oficina de Fomento ou á de Acciona en Melide, e o único que che din é que non".
Outro problema que teñen é que cos momentos de terras das obras desapareceron gran parte dos marcos.