Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia é a primeira en integrar a aplicación Ariadna de uso precoz do desfibrilador

Galicia é a primeira en integrar a aplicación Ariadna de uso precoz do desfibrilador

Xeolocaliza e valida o maior número posible de desfibriladores externos semiautomáticos aos que acceder no caso de que alguén sufra unha parada cardiorrespiratoria na vía pública 

A aplicación Ariadna comezará a funcionar previsiblemente a partir da vindeira semana

O obxectivo da Consellería de Sanidade é ampliar a capacidade do programa Acude e Axuda

G24.gal 04/01/2025 14:46 Última actualización 04/01/2025 15:28

Galicia é a primeira comunidade en integrarse na aplicación Ariadna a través do 061. 

É unha aplicación desenvolvida co fin de xeolocalizar e validar o maior número posible de desfibriladores externos semiautomáticos, aos que se poida acceder no caso de que unha persoa sufra unha parada cardiorrespiratoria na vía pública. 

"A aplicación Ariadna é un proceso desenvolvido pola Sociedade Española de cardioloxía. É un mapa colaborativo de xeolocalización de desfibriladores máis próximos cando unha persoa sofre un paro cardíaco, calquera persoa pode subir á aplicación calquera desfibrilador que vexa", di Román Gómez, director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061.

Cada minuto que se tarda en comezar unha reanimación cardiopulmonar básica, a supervivencia da persoa que sufriu unha parada cardíaca redúcese nun 10 por cento. De aí a importancia de actuar rápido. 

O uso dun desfibrilador de maneira precoz pode salvar vidas.

A aplicación Ariadna comezará a funcionar a partir da vindeira semana. O obxectivo da Consellería de Sanidade é ampliar a capacidade do programa Acude e Axuda.

"O Sergas a través do 061 tamén foi pioneiro nisto no programa Acude e Axuda, é unha rede de colaboradores e voluntarios formados en reanimación cardiopulmonar e en manexo de desfibrilador semiautomático. Hai 545 voluntarios actualmente, no momento que se ten aviso dunha parada cardiorrespiratoria desde o 061 mándase un SMS para ver se hai algún deses voluntarios na zona próxima para que se achegue a reanimar esa persoa", engadiu.

En Galicia prodúcense anualmente unha media de 430 paradas cardiorrespiratorias. O 061 ten rexistrados 3.100 desfibriladores, que se poden localizar tamén na aplicación do Sergas móbil.


 


 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade