Comeza a vaga epidémica da gripe cun 21 % máis de casos respecto á semana anterior
Comeza a vaga epidémica da gripe cun 21 % máis de casos respecto á semana anterior
Dende o Sergas lembran que o uso da máscara e a vacinación seguen sendo claves para reducir o impacto deste virus
Nos derradeiros sete días a gripe aumentou en Galicia nun 21% con respecto á semana anterior e fíxoo en todos os grupos de idade agás entre o de cinco a dezanove anos. Neste mesmo período houbo 69 ingresos hospitalarios con patóxeno da gripe A ou B confirmado.
Na derradeira semana do 2024 Galicia superou o nivel basal de intensidade porque chegamos ás 27,5 consultas por cada cen mil habitantes. É dicir, que comeza a vaga epidémica da gripe.
Dos ingresos por gripe, a maioría deles doentes con patoloxías previas e crónicas, 69 producíronse a semana pasada, un 229 % máis que a semana anterior, a do Nadal.
Dende a Consellería de Sanidade e o recentemente creado Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, lembran que aínda pode vacinarse quen queira contra a gripe e mais a covid. Ata o 18 de xaneiro.
Hoxe hai movemento no PAC de Cangas, que serve de exemplo ao que ocorre en calquera outro de Galicia. A chegada do frío intenso e o aumento das interaccións sociais co gallo das xuntanzas de Nadal son dous factores que poden empuxan as cifras de contaxios da gripe.
Pero nin estes dous factores nin as cifras de ingresos hospitalarios son indicadores válidos para subir o nivel de incidencia da gripe. É o número de consultas nos centros médicos e a positividade das probas microbiolóxicas o que nos deixa hoxe, obxectivamente, no inicio do andazo de gripe.
"Pois o que podemos xa dicir é que entramos na vaga de gripe. Os datos de vixilancia epidemiolóxica din que a semana pasada superamos o nivel basal que temos como limiar nas consultas de atención primaria. Entón estamos na vaga de gripe e agardamos nas vindeiras semanas acadar o pico máximo", conta a TVG Marta Sotelo Piñeiro, a directora do Centro Galego para o Control e Prevención de Enfermidades.
O Centro Galego para o Control e Prevención de Enfermidades, que leva en pé un ano, comezou un proxecto piloto en colaboración con 70 farmacias sentinela en toda Galicia. O obxectivo é adiantar os datos da gripe aos datos asistenciais médicos e microbiolóxicos.
"Son os indicadores de venda dos cinco gripais máis vendidos e tamén dos tests de detección precoz de antíxenos. Entón estamos pilotando e vendo se se correlacionan o número de vendas e a circulación do virus", matiza Marta Sotelo Piñeiro, directora do Centro Galego para o Control e Prevención de Enfermidades.
Dende o Sergas lembran que o uso da máscara e a vacinación, dispoñible ata o 18 de xaneiro, seguen sendo a clave para reducir o impacto da gripe e tamén da covid.