Publicador de contidos
Publicador de contidos

Senén Barro: "Europa está a moita distancia da China e dos EUA en intelixencia artificial"

Senén Barro: "Europa está a moita distancia da China e dos EUA en intelixencia artificial"

O catedrático de Ciencias da Computación da USC agoira un impacto excepcional da IA en sectores como a medicina 

Senén Barro destaca que a irrupción da chinesa DeepSeek permitirá universalizar esta tecnoloxía 

Este domingo comeza a implementarse normativa europea sobre IA

G24.gal 01/02/2025 18:48 Última actualización 01/02/2025 19:57

O catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago destaca a necesidade de pórlle límites á intelixencia artificial polo seu grande impacto na vida persoal e profesional da cidadanía.

Nunha entrevista na Radio Galega, Senén Barro subliñou o papel crucial que esta tecnoloxía terá en sectores como a medicina.

"A IA está chamada a ter un impacto excepcional no deseño de novos medicamentos, na mellora dos diagnósticos e na medicina personalizada e de precisión. Tamén na educación, na enerxía, no transporte, na agricultura ou na produción de alimentos".

O director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) gabou que Europa se converta na primeira rexión do mundo en aplicar unha regulación que garanta os dereitos das persoas. Dende este domingo, comeza a implementarse o Regulamento europeo sobre intelixencia artificial.

A norma prohibe ás empresas utilizar a biometría para categorizar persoas ou botar man da IA para recoñecer emocións nos seus traballadores.

"O impacto da intelixencia artificial nas nosas vidas é moi serio e necesita un regulamento. Europa está a actuar razoablemente ben. Somos a primeira rexión que ten unha regulación da IA que defende os dereitos, os valores e os principios que tanto nos custou conseguir"

O experto  lamentou que,  pola contra,  a Unión Europea está a unha distancia cada vez maior da China e dos EUA no desenvolvemento da propia intelixencia artificial. Con todo, afirmou,  a irrupción da chinesa Deepseek demostra que é posible sacar adiante esta tecnoloxía sen grandes investimentos.

"DeepSeek demostra que non todo é capacidade e investimentos, que é o que teñen as grandes tecnolóxicas dos EUA, senón investigación ben orientada, creatividade e vontade de facer ben as cousas"

Porén, engade o experto, hai dúbidas sobre a seguridade de DeepSeek, xa que almacena os seus datos na China.

O que é seguro é que a irrupción da chinesa sacudiu a industria tecnolóxica mundial, especialmente a Silicon Valley e os seus buque insignia: Microsoft, OpenAI e Nvidia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade