Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump cumpre a súa ameaza arancelaria contra o Canadá, México e a China

Trump cumpre a súa ameaza arancelaria contra o Canadá, México e a China

O Canadá e México anuncian as súas propias represalias contra os gravames que entran en vigor o vindeiro martes

A China presentará unha demanda ante a Organización Mundial do Comercio por "prácticas ilícitas" dos EUA

O presidente dos EUA na Casa Branca a pasada semana. REUTERS/Elizabeth Frantz
G24.gal 02/02/2025 08:10 Última actualización 02/02/2025 11:17

O presidente estadounidense cumpriu este sábado coas súas ameazas comerciais e fixo efectivos os anunciados aranceis do 25 % para os bens de México e o Canadá (con excepción do petróleo canadense, que terá só un 10 %) e do 10 % para os da China.

Na súa residencia particular de Mar-a-Lago, na Florida, Donald Trump asinou tres ordes executivas por separado que entrarán en vigor o vindeiro martes 4 de febreiro e que poden desatar unha guerra comercial. 

En todos os casos, o principal argumento esgrimido é a implicación, dun ou doutro xeito, dos tres países no tráfico de fentanilo e outras drogas cara aos Estados Unidos "onde poñen en perigo o tecido social", con acusacións moi grosas contra os gobernos de México e Pequín.

Respecto a México e o Canadá, tamén alega falla de control nas súas fronteiras dos fluxos migratorios e aproveitamento dun superávit comercial cos EUA.

As tres ordes contiñan unha ameaza para que os países afectados non respondesen con medidas similares de represalia, so pena de elevar a porcentaxe dos aranceis ou o alcance dos produtos. Porén, o Canadá e México fixeron caso omiso e xa anunciaron as súas propias medidas.

Unha "alianza intolerable co narcotráfico"

En México sentou moi mal a alusión a que os cárteles do narcotráfico "teñen unha alianza intolerable co Goberno de México (que) pon en perigo a seguridade nacional dos Estados Unidos", contida na mesma orde executiva. A presidenta Claudia Shienbaum respondeu en X.

"Rexeitamos categoricamente a calumnia que fai a Casa Branca ao Goberno de México de ter alianzas con organizacións criminais, así como calquera intención inxerencista no noso territorio", apuntou nunha longa mensaxe.

Ademais, anunciou "medidas arancelarias e non arancelarias en defensa dos intereses de México", algo que supoñía o que chamou "o plan B" e que aplicará o secretario de Economía nos días próximos.

Para México, o comercio cos Estados Unidos é tan importante que en 2023 as exportacións aos EUA supuxeron case o 30 % do seu PIB, segundo un informe do Instituto Mexicano de Competitividade (IMCO).

O primeiro ministro canadense anuncia as medidas. REUTERS/Patrick Doyle O primeiro ministro canadense anuncia as medidas. REUTERS/Patrick Doyle

O Canadá en risco de recesión

Tampouco o Canadá quedou de brazos cruzados. O primeiro ministro Justin Trudeau anunciou ao pouco de coñecerse a decisión que o seu Goberno adoptará represalias e gravará cun 25 %, o equivalente a 155.000 millóns de dólares (uns 149.584 millóns de euros), o comercio cos EUA.

Segundo o avanzado polo líder canadense, a partir do martes, o Canadá gravará 30.000 millóns de dólares de importacións estadounidenses e, 21 días despois, outros 121.000 millóns "para permitir que as compañías canadenses e as cadeas de subministración busquen alternativas".

A decisión foi considerada polo Canadá como unha declaración de guerra comercial. Os analistas sinalaron que de mantérense os aranceis, o Canadá podería entrar en recesión en seis meses.

A decisión de Trump supón un torpedo na liña de flotación do T-MEC, o tratado de libre comercio de 1994 entre México, o Canadá e os EUA. Trudeau e Sheinbaum xa falaron para coordinar unha postura común ao respecto.

China promete represalias

China asegurou este domingo que tomará as "contramedidas correspondentes" para "salvagardar firmemente" os seus dereitos e intereses.

"China oponse firmemente a estes aranceis", sinalou o Ministerio de Comercio chinés nun comunicado no que anuncia que presentará unha demanda ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) polas "prácticas ilícitas" estadounidenses.

A Casa Branca non só acusou este sábado á China de pasividade no tráfico de drogas cara aos Estados Unidos senón que foi máis lonxe e dixo que o país asiático "sostén activamente e expande o negocio de envelenar a nosa cidadanía".

Acusou o Partido Comunista Chinés (partido único) de "subvencionar e incentivar as compañías químicas chinesas para que exporten fentanilo e precursores químicos usados para producir opioides sintéticos vendidos ilegalmente en Estados Unidos".

Pola súa banda, Pequín afirmou agardar que Washington vexa "de forma obxectiva e racional os seus propios problemas, como o fentanilo", en lugar de recorrer a "ameazas contra outros países", a través da imposición de aranceis.

Este domingo, a Casa Branca fixo oficial unha ameaza á China -a mesma que a Canadá e a México- contra calquera tentación de pagar coa mesma moeda.

"Se China toma represalias contra os EUA en resposta a esta medida impoñendo medidas similares ás exportacións estadounidenses alí, o presidente poderá incrementar (os aranceis) ou expandir o seu alcance para asegurarse da eficacia desta acción".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade