Reunión de urxencia en México antes de entraren en vigor os aranceis de Trump
Reunión de urxencia en México antes de entraren en vigor os aranceis de Trump
Sheinbaum agarda a que se concreten os gravames para detallar a súa resposta
O presidente dos EUA anunciou taxas do 25 % ás importacións de México e o Canadá
A presidenta de México, Claudia Sheinbaum, reuniuse esta noite no Palacio Nacional con varios integrantes do seu gabinete para abordar a entrada en vigor este sábado dos aranceis do 25 % ratificados polo presidente dos EUA.
En declaracións á prensa na Casa Branca, Donald Trump reiterou este venres a súa intención de impoñer taxas do 25 % ás importacións de México e o Canadá, e do 10 % ás da China, a partir deste 1 de febreiro.
A medida formaría parte dunha estratexia de presión para facer fronte ao déficit comercial, reducir o tráfico de fentanilo dende estes países cara aos Estados Unidos e frear a chegada de migrantes.
O xoves, Trump comentou á prensa que aínda estaba a avaliar se impoñer ou non gravames sobre o petróleo que o Canadá e México exportan ao seu país.
Resposta de México
Sheinbaum asegurou que ten "plan A, plan B e plan C" para facer fronte aos aranceis pero vai agardar a que se concreten para detallar a súa resposta.
"Sempre imos manter o diálogo, é fundamental na relación entre México e o Goberno dos Estados Unidos, e hai esta mesa de diálogo, e temos plan A, plan B, plan C, para o que decida o Goberno dos Estados Unidos", declarou a gobernante mexicana na súa conferencia matutina do venres.
Os aranceis preocupan a México por seren os Estados Unidos o seu maior socio comercial, con exportacións a ese país por un valor de 490.183 millóns de dólares en 2023, case o 30 % do produto interior bruto (PIB) mexicano, segundo un informe do Instituto Mexicano de Competitividade (IMCO).