Un único controlador aéreo facía o traballo de dous o día do accidente de Washington
Un único controlador aéreo facía o traballo de dous o día do accidente de Washington
Un informe preliminar da Administración Federal de Aviación (FAA) sinala que o número de controladores no momento do sinistro "non era normal"
Os servizos de rescate recuperaron os corpos de 40 das 67 vítimas e tamén as caixas negras
Un informe preliminar da Administración Federal de Aviación (FAA) apunta que a dotación de persoal dedicado ao control aéreo "non era normal para a hora do día e o volume de tráfico" no momento do accidente ocorrido en Washington o mércores á noite.
Medios estadounidenses que tiveron acceso a ese informe din que o escaso número de traballadores fixo que unha persoa tivera que facerse cargo de dúas tarefas á vez: o control aéreo tanto do tráfico de avións coma dos helicópteros que voan sobre a capital dos Estados Unidos.
Esa situación puxo de manifesto a escaseza crónica de persoal e as pobres condicións de traballo dos controladores aéreos nos EUA, unha situación que varios expertos e os propios traballadores denunciaron desde hai anos.
Un estudo de agosto de 2023 do The New York Times xa alertaba de que moitos controladores se vían forzados a facer xornadas de 10 horas durante seis días á semana. A investigación fixo mellorar a situación pero non sería aínda suficiente: das 30 prazas necesarias para o Aeroporto Nacional Ronald Reagan de Washington (DCA), apenas 25 están cubertas.
Segundo The Washingon Post, as advertencias de seguridade e os escenarios de incidentes son frecuentes no ceo de Washington; o día antes do accidente abortaron unha aterraxe no aeroporto nacional Ronald Reagan para evitar unha colisión cun helicóptero.