Recuperados os corpos de 40 das 67 vítimas do accidente aéreo de Washington
Recuperados os corpos de 40 das 67 vítimas do accidente aéreo de Washington
As autoridades localizaron as caixas negras do avión sinistrado, que serán clave para esclarecer as causas do ocorrido
No Pentágono sosteñen que a tripulación do helicóptero era "bastante experimentada"
As autoridades estadounidenses recuperaron polo menos 40 corpos das vítimas do accidente aéreo que tivo lugar este xoves cando un voo de Am Airlines e un helicóptero do exército chocaron no aire sobre o río Potomac, nas proximidades do Aeroporto Nacional Ronald Reagan de Washington.
Fontes policiais aseguran que os equipos de rescate recuperaron polo menos 40 cadáveres. No momento do accidente a bordo do avión viaxaban 64 persoas, e outras 3 no helicóptero. Dáse por feito que ningunha conseguiu sobrevivir.
As vítimas do accidente aéreo
A medida que avanzan as horas, imos coñecendo máis datos sobre as vítimas mortais deste accidente áereo, o máis grave ocorrido nos Estados Unidos en case 24 anos.
Entre os falecidos confirmados este xoves, atópanse os patinadores estadounidenses Jinna Han e Spencer Lane e os adestradores rusos Evgenia Shishkova e Vadim Naumov, ouro mundial en 1994 na modalidade por parellas.
Segundo transcendeu, entre as vítimas hai dous cidadáns de nacionalidade chinesa e outros dous arxentinos. Trátase dun pai e o seu fillo de 13 anos, que participaba nunha competición de patinaxe artística.
Rescatadas as caixas negras do aparello
A Xunta Nacional de Seguridade no Transporte anunciou a través da súa conta da rede social X que xa ten nas súas mans "a gravadora de datos de voo e a gravadora de voz da cabina, máis coñecidas como as caixas negras. Foron localizadas a menos de dous quilómetros do lugar do sinistro, e agora serán analizadas para tentar cooñecer as causas do accidente.
O avión comercial, no que viaxaban 60 pasaxeiros e catro membros da tripulación, chocou no aire na noite do mércores cun helicóptero do Exército de Estados Unidos sobre o río Potomac, nas proximidades do Aeroporto Nacional Ronald Reagan de Washington.
O xefe do Pentágono asegura que a tripulación de helicóptero, que facía un voo de adestramento, era "bastante experimentada" e contaba con "gafas de visión nocturna". Está aberta xa unha investigación interna para tentar coñecer as circunstancias do sinistro.